Ferrol, 4 de xullo de 2023.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o concelleiro de Cultura de Ferrol, José Antonio Ponte, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, a coordinadora do Curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro, e o director académico do mesmo, o profesor da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas, inauguran mañá, mércores 5 de xullo, ás 10:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a 24ª edición deste histórico curso de pensamento e comunicación que, nesta ocasión, afondará nos desafíos da globalización.
Acto seguido, terá lugar a presentación do libro do presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol, Carlos Castro, titulado “Carlos Gurméndez: Galicia e os espazos abertos de Ferrolterra”.O exreitor da Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva, a catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, Isabel Lirola Delgado, e a filósofa, ensaísta e política Carme Adán completan a listaxe de intervencións programadas para o primeiro día.
Ao longo do xoves 6 e venres 7 de xullo, achegaranse ata o Campus Industrial de Ferrol o membro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), José Antonio Zamora, o xornalista de El País, Ricardo de Querol, a profesora de Filosofía Moral da Universidade de Oviedo, Asunción Herrera, a exconselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, Pilar Farjas, o profesor de Filosofía Política e Antropoloxía da Universidade de Deusto, Patxi Lanceros, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, entre outros. A última das conferencias desta 24ª edición do curso Carlos Gurméndez impartiraa o director da Fundación Juan March, Javier Gomá.
As persoas interesadas en participar neste curso gratuíto terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a info@clubdeprensaferrol.com ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 10:30 horas do mércores 5 de xullo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigosa orde de inscrición. O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.
Programa – 24ª edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez