O Campus Industrial de Ferrol acolle esta fin de semana a reunión anual da Sociedade Española de Biomecánica e Ortopodoloxía

Ferrol, 22 de setembro de 2023.- O Laboratorio de Biomecánica e Podoloxía Xeral da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol acolle hoxe, venres 22, a partires das 16:00 horas, e mañá, sábado 23 de setembro, a partires das 09:30 horas, a reunión anual da Sociedade Española de Biomecánica e Ortopodoloxía (SEBIOR) que preside a profesora da Universidade da Coruña, Carolina Rosende Bautista.

O programa da xornada de traballo inclúe un curso teórico práctico sobre a terapia manipulativa do pé impartido polo profesor da Universidade de Sevilla, Javier Ramos Ortega, así como unha segunda formación financiada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña e liderada pola asesora en innovación educativa e especialista na área dos e-téxtiles, Paola Guimeráns, quen xa visitou a Facultade de Enfermaría e Podoloxía no mes de maio cando impartiu o workshop Smart Textile & Footwear dirixido ao alumnado de 3º curso do grao en Podoloxía.

Está previsto que a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, visiten aos preto de 30 participantes na reunión anual da Sociedade Española de Biomecánica e Ortopodoloxía (SEBIOR), o sábado 23 de setembro, ás 12:00 horas.