Ferrol, 14 de novembro de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este venres 18 de novembro, a partires das 09:45 horas, a xornada “A protección das pensións de xubilación: perspectivas actuais e de futuro” organizada pola presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, Asunción López Arranz, e a presidenta do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Susana Soneira Lema.
A primeira mesa da xornada, programada para as 10:00 horas, afondará na protección das pensións de xubilación e contará coa intervención do Catedrático de Economía da Universidade Autónoma de Madrid, Santos Manuel Ruesga Benito, e do director do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social de Lugo, Juan José Rodríguez Gude. Exercerá de moderadora, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, Asunción López Arranz.
Ás 11:15 horas dará comezo a mesa dos axentes sociais na que intervirán representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG), de Comisións Obreiras Galicia, de UGT Galicia e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Esta mesa estará coordinada pola presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo. A última das mesas, prevista para as 12:30 horas, afondará nas cotizacións á seguridade social da man do maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Lousada Arochena, e da subinspectora Laboral de Emprego e Seguridade Social, Silvia Rodríguez Viñas. Nesta ocasión, a mesa estará moderada polo delegado en Ferrol do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Roberto Barros López.
As persoas interesadas en participar nesta xornada, deberán reservar a súa praza chamando ao 881 01 3577 ou enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a decanato.fct@udc.gal antes das 14:00 horas do xoves 17 de novembro.