O Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves e venres o hackathon Navantia Next Pioneers no que participan preto de 50 estudantes de Deseño Industrial

Imaxe promocional do hackathon Navantia Next Pioneers que terá lugar este xoves e venres na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) do Campus Industrial de Ferrol.

Ferrol, 19 de abril de 2022.- Un reto real do sector naval e 24 horas para atopar unha solución única. Este é o desafío ao que se enfrontan os preto de 50 estudantes do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto do Campus Industrial de Ferrol inscritos no hackathon Navantia Next Pioneers que dará comezo ás 15:00 horas do xoves 21 de abril na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).

O evento preséntase como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento. Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña presentan un espazo no que experimentar coa transformación dixital, a robótica e as SmartTech. Ao longo das 24 horas que dura este hackathon, os participantes, divididos en pequenos equipos de non máis de cinco persoas, contarán co apoio de diversos profesionais do sector naval, do deseño industrial e doutros expertos en metodoloxías e ferramentas innovadoras para acadar a resolución do reto proposto así como unha aprendizaxe real. Será un xurado profesional quen seleccione ao equipo gañador e os seus integrantes recibirán cadanseu cheque por valor de 150 euros.

Os preto de 50 estudantes do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial que participan neste hackathon terán 24 horas para atopar unha solución única a un reto real do sector naval.