O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá unha mesa redonda centrada na relación de amizade que unía a Gonzalo Torrente Ballester e a Carlos Casares

Ferrol, 13 de decembro de 2023.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, xoves 14 de decembro, ás 18:30 horas, a mesa redonda “A amizade celebrada. Gonzalo Torrente Ballester e Carlos Casares” que promove a Fundación Carlos Casares en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña.

A decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos Pita, será a encargada de presentar unha mesa redonda na que intervirán o xornalista e escritor Ramón Loureiro, a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e experta na vida e obra de Gonzalo Torrente Ballester, Carmen Becerra, e o concelleiro de Cultura de Ferrol e crítico literario, José Antonio Ponte Far. Pola súa banda, o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido García, exercerá como moderador.

Do mesmo xeito, a galería situada no segundo andar da Facultade de Humanidades e Documentación acollerá, ao longo de todo o día, a presentación de 12 imaxes pertencentes á exposición “Carlos Casares e a fotografía” na que se afonda nunha faceta artística relativamente descoñecida deste escritor ourensán como é a súa paixón pola fotografía. Ás 12:30 horas realizarase unha pequena visita guiada liderada polo secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, e na que participará a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos Pita, e a profesora da Universidade de Vigo e experta na vida e obra de Gonzalo Torrente Ballester, Carmen Becerra.

Ambas as dúas actividades son gratuítas están dirixidas a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. No caso da mesa redonda, as prazas son limitadas ata completar o aforo do Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación.

 

Cartel promocional da mesa redonda “A amizade celebrada. Gonzalo Torrente Ballester e Carlos Casares” que terá lugar mañá, xoves 14 de decembro, ás 18:30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
Cartel promocional da mesa redonda “A amizade celebrada. Gonzalo Torrente Ballester e Carlos Casares” que terá lugar mañá, xoves 14 de decembro, ás 18:30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.