O Campus Industrial de Ferrol acolle o 10 de novembro unhas xornadas sobre a responsabilidade social das bibliotecas da man da Cátedra Diócese – UDC

Ferrol, 31 de outubro de 2023.- A aula magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro venres 10 de novembro, a partires das 09:45 horas, as Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social” que promove a Cátedra Diócese Mondoñedo – Ferrol – Universidade da Coruña. O evento, que traerá ata a cidade departamental a algúns dos maiores especialistas neste ámbito, inclúe no seu programa un total de catro relatorios e un faladoiro.

Logo da conmemoración do Día das Bibliotecas, o pasado 24 de outubro, a Cátedra Diócese Mondoñedo – Ferrol – Universidade da Coruña presenta unhas xornadas sobre a responsabilidade social das bibliotecas, na que participará o presidente-fundador da Asociación de Profesionais de Bibliotecas Móbiles de España, Roberto Soto, quen falará sobre as bibliotecas rurais. De seguido, intervirá o responsable de Innovación Bibliotecaria da Deputación de Barcelona, Andreu Orte, cun relatorio centrado no modelo bibliotecario XBM, todo un referente nas relacións das persoas usuarias cos servizos bibliotecarios, os espazos, as coleccións e a tecnoloxía.

O programa das xornadas inclúe tamén a participación da directora da biblioteca da Universidade Pontificia de Salamanca e directiva da Asociación de Bibliotecarios da Igrexa en España, Maribel Manzano, quen afondará na responsabilidade social das bibliotecas. Por último, intervirá a xefa da sección de Manuscritos e Incunables da Biblioteca Nacional Española, María José Rucio, cun relatorio centrado nas boas prácticas e na xestión de fondos antigos.

As Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social” están dirixidas ao alumnado e profesorado da Universidade da Coruña, así como a todo o persoal das bibliotecas, arquivos, centros de documentación, axentes sociais e culturais e ONGs, xunto con todos aqueles integrantes da comunidade diocesana que teñan un vínculo especial cos eidos da cultura, o patrimonio e a promoción social. Todas aquelas persoas interesadas en participar, incluído o público xeral, deberán formalizar a súa inscrición antes das 14:00 horas do mércores 8 de novembro enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a catedraUDC@mondonedoferrol.org. Prazas limitadas ata completar o aforo.

 

Inscrición – Xornadas “Bibliotecas e Responsabilide Social”

Cartel – Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social”

Programa – Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social

Cartel promocional das Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social” que organiza a Cátedra Mondoñedo-Ferrol- Universidade da Coruña.
Cartel promocional das Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social” que organiza a Cátedra Mondoñedo-Ferrol- Universidade da Coruña.