Ferrol, 27 de abril de 2022.- O Campus Industrial de Ferrol acollerá, entre os meses de xuño e xullo, o SuperHero STEM Camp, un campamento tecnolóxico de verán dirixido á rapazada de entre 6 e 16 anos que organiza, por primeira vez, o propio Campus Industrial de Ferrol en colaboración con Play Code Academy. A oferta lúdico formativa deste campamento inclúe obradoiros sobre drons, domótica, IoT (Internet of Things), robótica, programación de APPs, desenvolvemento de videoxogos ou impresión 3D.
A rapazada traballará man a man cos superheroes de Play Code Academy para cumprir unha importante misión: defender o planeta Terra. O obxectivo deste campamento tecnolóxico é o de promover entre os participantes o desenvolvemento de habilidades relacionadas coa linguaxe da programación e as novas tecnoloxías.
Os obradoiros desenvolveranse entre o 27 de xuño e o 1 de xullo e entre o 4 e o 8 de xullo, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14:00 horas. Existe a posibilidade de participar na modalidade “Madrugadores”, de 08:00 a 15:00 horas, na que se inclúe, a maiores, un servizo de comedor. A tarifa xeral é de 119 euros por semana completa. O prezo para os integrantes da comunidade universitaria é de 99 euros. Play Code Academy ofrece descontos para o segundo neno ou nena inscrito pertencente á mesma unidade familiar.
Máis información e reservas en https://playcodeacademy.com/campus-tecnologico-udc-ferrol