O Campus Industrial de Ferrol acollerá un campamento de creatividade e ciencia para favorecer a conciliación das familias ao remate do verán

Ferrol, 3 de agosto de 2026.- O Campus Industrial de Ferrol acollerá, do luns 31 de agosto ao martes 8 de setembro, de 08:30 a 14:30 horas, o Campamento de Creatividade e Ciencia “Todas as Ideas Contan” dirixido á cativada de entre 6 e 12 anos. A Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da Universidade da Coruña (UDC) impulsa, por primeira vez na cidade departamental, unha iniciativa pensada especialmente para favorecer a conciliación das familias ao remate do verán.

Baixo a titorización do persoal de Gazapo, o campamento pretende crear un espazo educativo onde a curiosidade, a creatividade e a ciencia sexan os motores da aprendizaxe. A cativada participante traballará cunha metodoloxía activa baseada no xogo, na experimentación, na cooperación e na participación.

Ao longo da actividade desenvolveranse actividades vinculadas coa arte e a expresión creativa, coa construción de estruturas, cos experimentos científicos, coa investigación e os descubrimentos, cos xogos de rol e coa creación de historias, cos retos de lóxica, así como diversas actividades ao aire libre e xogos tradicionais.

A tarifa xeral é de 95 euros, mentres que o prezo para as persoas integrantes da comunidade universitaria se reduce ata os 80 euros. Ademais, existe a posibilidade de contratar, a maiores, o servizo de “Madrugadores e Madrugadoras” e o de comedor. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para obter máis información pódese chamar ao 881 01 2312 ou enviar un correo electrónico a oficina.igualdade@udc.gal.

Un total de 84 nenos e nenas participaron nunha iniciativa similar entre os meses de xuño e xullo

Por terceiro ano consecutivo, o Campus Industrial de Ferrol e PlayCode Academy organizaron, entre o 22 de xuño e o 3 de xullo, o seu xa tradicional Campamento Tecnolóxico de Verán, que nesta edición levou por título “Aventura STEM: Viaxe no Tempo”.

Un total de 84 os nenos e nenas participaron nesta proposta lúdico-formativa, o que lles permitiu reforzar as súas habilidades nos eidos da programación, da robótica e da ciencia traballando con ferramentas como LEGO Education, Arduino, drons, Micro:Bit; Edison, Delightex e tecnoloxías de deseño e impresión 3D.

Inscrición no Campamento de Creatividade e Ciencia “Todas as Ideas Contan”

O Campus Industrial de Ferrol acollerá un campamento de creatividade e ciencia para favorecer a conciliación das familias ao remate do verán
O Campus Industrial de Ferrol acollerá un campamento de creatividade e ciencia para favorecer a conciliación das familias ao remate do verán