Ferrol, 15 de setembro de 2023.- O Campus Industrial da Universidade da Coruña contará cun stand de seu na Open Science de Cambre que terá lugar este sábado 16 e domingo 17 de setembro na Praza da Igrexa, no CEIP Wescelao Fernández Flórez e no pavillón Sofía Toro. O Concello de Cambre e a Asociación Xuvenil XenTD100cia organizan a sexta edición dun evento que reunirá a máis de 350 mozos e mozas de distintos puntos de España, Portugal, México, Bolivia, Ecuador e Colombia. O público asistente poderá achegarse ata a algún dos 100 stands dispoñibles e coñecer os proxectos científicos de preto de 80 centros educativos.
Ao longo de toda a fin de semana, pasarán polo stand do Campus Industrial da Universidade da Coruña o investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, Florian Michaud, a investigadora do Grupo de Polímeros, Silvia Lage Rivera, os investigadores do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética, José Luis Calvo Rolle e Antonio Javier Díaz Longueira, e os investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría, Vicente Díaz Casás e María López Morado. Tamén se achegarán a este espazo situado na Praza da Igrexa de Cambre, os profesores do CIFP Rodolfo Ucha de Ferrol, José María Bey Otero e María Meizoso García, quen presentarán seus avances como centro colaborador no proxecto Erasmus+ AIM@VET que coordina o investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría, Abraham Prieto, e que se centra no campo da robótica industrial e educativa.
A maiores, a tamén investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría, Sara Guerreiro Santalla, presentará a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), un evento organizado pola Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) en colaboración con ingeniera.soy, que o pasado mes de febreiro reuniu no Campus Industrial de Ferrol a máis de 300 mozos e mozas de entre catro e 16 anos de distintos puntos da comunidade.