Ferrol, 13 de xullo de 2023.- A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acollerá, a partires do próximo mes de setembro, o máster universitario en Fabricación Aditiva, un título conxunto e presencial posto en marcha pola Universidade da Coruña (UDC), como entidade coordinadora, e máis pola Universidade de Vigo (UVigo). O máster ten un alto impacto sobre dous dos catro sectores tractores galegos, o da automoción e o naval, e intégrase na estratexia de diversificación industrial, incorporando actividades de alta tecnoloxía en sectores emerxentes como poden ser o aeronáutico, a industria da saúde ou os novos materiais.
O máster universitario en Fabricación Aditiva está deseñado para formar a estudantes no eido das tecnoloxías de fabricación aditiva e ofrecerlles experiencia práctica no deseño, adaptación e construción de pezas ou produtos. Todo isto, permitirá aumentar a competitividade e impulsar a modernización da industria galega dando resposta ás demandas do sector e cubrindo a falta de formación específica que existe no Sistema Universitario Galego (SUG) no que atinxe a esta tecnoloxía.
O título, coordinado pola profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), María José Abad, oferta un total de 20 prazas, 10 por universidade, e impartirase na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) de Vigo. Para o acceso, terá prioridade o alumnado titulado en Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Eléctrica, Química Industrial, Enxeñaría en Organización Industrial, Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto, Enxeñaría Biomédica ou en Enxeñaría de Minas e Enerxía.
Máis formación no eido da enxeñaría, das ciencias, das ciencias sociais e das humanidades
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) oferta dous títulos que habilitan ao alumnado para o exercicio da profesión regulada como son o máster universitario en Enxeñaría Industrial e o máster universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica. A maiores, a súa oferta académica inclúe un máster universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade e outro en Informática Industrial e Robótica. A isto, hai que sumarlle a opción de poder cursar o máster universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía e o de Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos. A maiores, a escola oferta tamén o máster Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Mariño – SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval así como na construción e operación do buque.
Pola súa banda, a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) oferta o máster en Enxeñaría de Deseño Industrial e a Facultade de Ciencias do Traballo o máster universitario en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns e o de Xestión e Dirección Laboral. Do mesmo xeito, a Facultade de Humanidades e Documentación inclúe no seu catálogo formativo o máster universitario en Museos, Arquivos e Bibliotecas e o de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade.
Preinscrición e matrícula
O 21 de xullo publicarase a primeira listaxe de alumnado admitido nos másters universitarios para o curso 2023/24. As persoas que figuren nesa relación terán que formalizar a súa matrícula entre o 22 de xullo e o 20 e agosto. A Universidade da Coruña abrirá un segundo prazo de preinscrición para aqueles másters universitarios nos que aínda queden prazas vacantes entre o 22 e o 28 de agosto.
Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Enxeñaría Industrial | Habilitante | Presencial | 120 | 40 |
Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica | Habiltante | Presencial | 120 | 20 |
Máster Universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade | Internacional | Presencial En Liña | 60 | 25 |
Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica | Interuniversitario | Presencial | 60 | 25 |
Máster Universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía | Internacional | Presencial | 60 | 10 |
Máster Universitario en Fabricación Aditiva NOVO 2023/24 | Interuniversitario | Presencial | 60 | 10 |
Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos | Presencial | 120 | 25 | |
Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Mariño – SEAS 4.0 | Erasmus Mundus | Presencial | 90 | 27 |
Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Deseño Industrial | Presencial | 120 | 25 |
Facultade de Ciencias do Traballo (FCT)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns | Presencial | 60 | 40 | |
Máster Universitario en Xestión e Dirección Laboral | Interuniversitario | Presencial | 60 | 30 |
Facultade de Humanidades e Documentación (FHD)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Museos, Arquivos e Bibliotecas | Presencial | 60 | 20 | |
Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade | Presencial | 60 | 10 |