Ferrol, 22 de outubro de 2026.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, o venres 30 de outubro, ás 11:00 horas, a conferencia “Galicia, o seu lugar no mundo”, impartida polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.
Na súa intervención, o conferenciante repasará a participación de Galicia nas institucións internacionais ao longo das últimas décadas, tanto desde punto de vista normativo como na súa vertente práctica. A sesión buscará, ademais, fomentar o debate co público asistente sobre o ámbito europeo, a cooperación transfronteiriza, a cooperación ao desenvolvemento e as distintas dimensións da acción exterior galega.
A conferencia está dirixida ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, titulación interuniversitaria que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, e aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado nas cuestións relacionadas coa Unión Europea e a proxección internacional de Galicia. A asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo.
