Ferrol, 10 de outubro de 2023.- O alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA), Ana Requeijo Constenla, o subdirector Xeral de Xestión Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Alfonso Alonso Fachado, e o vicedecano de Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC), Pedro Gil Manso, inauguran mañá, mércores 11 de outubro, ás 10:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, as xornadas “Cirurxía en Podoloxía” que organiza a Facultade de Enfermaría e Podoloxía en colaboración co Colexio Oficial de Podólogos de Galicia para conmemorar o Día Internacional da Podoloxía (8 de outubro).
O programa das xornadas “Cirurxía en Podoloxía” inclúe a conferencia do profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Óscar Miguel Álvarez Calderón, quen reflexionará sobre as relacións entre a docencia e a práctica quirúrxica. O tamén profesor do Campus Industrial de Ferrol, Fernando Gil Racionero, afondará na resolución quirúrxica metatarsal e a podóloga Lorena Martínez Seijas falará sobre a visión ecográfica e o tratamento dos principais tumores benignos das plantas brandas dos pés. Por último, o podólogo e vogal do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA), Navor Pereira Losa, analizará a cirurxía podolóxica desde o eido da ciencia e a conciencia.
