O Campus Industrial de Ferrol contrata a 14 investigadores grazas a tres convocatorias propias e a un convenio coa Fundación Mulleres por África

Ferrol, 30 de xuño de 2023.- As convocatorias “Talento en Formación” e “Talento Investigador” xunto coas axudas ao programa de Doutoramento Industrial e co convenio asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África facilitaron a contratación de 14 investigadores e investigadoras no Campus Industrial de Ferrol ao longo do último ano. Todos eles están matriculados e matriculadas nun programa de doutoramento ou ben nun de postdoutoramento e desenvolven os seus traballos nalgunha das liñas estratéxicas do campus como poden ser a robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.

A través da convocatoria “Talento en Formación”, o Campus Industrial de Ferrol ten contratados, por un período de catro anos, a un total de sete investigadores e investigadoras predoutorais. En xullo de 2022 incorporáronse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e, máis concretamente, ao Grupo de Polímeros, Silvia Lage Rivera e Jesika Asatryan. Ao mesmo tempo, Francisco Bottero sumábase ao equipo do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica. Pouco despois, en novembro de 2022, Sergio Roget Mourelle e José Manuel Ciriano Palacios, comezaban a traballar no Grupo Integrado de Enxeñaría e xa en maio de 2023, Sai Vempati incorporábase ao Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser e Doha Erlhoul iniciaba os seus estudos no eido da enerxía e a propulsión mariña.

Pola súa banda, a convocatoria “Talento Investigador” permitiu que o Campus Industrial de Ferrol contratase, tamén por un período de catro anos, a outros catro investigadores e investigadoras postdoutorais. Así, en xullo de 2022, Florian Michaud incorporábase ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e Zoia Haholkina ao Grupo de Polímeros. En maio de 2023, María Isabel Rial Hermina comezaba a traballar no Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (Proterm) e ao longo deste mes de xullo está previsto que Marius Bodor se incorpore ao Grupo de Polímeros. Cada un destes investigadores e investigadoras dispón de 30.000 euros para desenvolver o seu propio proxecto de investigación.

Grazas ás axudas ao Programa de Doutoramento Industrial outros dous estudantes accederon en xuño de 2022 a un contrato, cunha duración mínima dun ano e máxima de tres, para realizaren a súa tese en colaboración con dúas empresas da contorna. Así, David Sánchez Canzobre colabora activamente con Anta Norte e Tanausú Almeida Medina con Coremarina Solutions.

A maiores, a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África asinaban en xullo de 2022 un convenio de colaboración para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África no Campus Industrial de Ferrol. Esta iniciativa permitiu que Harriet Kumi se puidese matricular no Programa de Doutoramento en Física Aplicada e así continuar afondando no campo da física nuclear no Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) baixo a titorización do investigador Ramón y Cajal, Saúl Beceiro. A súa bolsa cubre os gastos derivados da súa matrícula, a súa viaxe de ida e volta, un seguro médico, o aloxamento da Residencia Universitaria Pública de Ferrol e a súa manutención.

 

Xornada divulgativa na Facultade de Humanidades e Documentación

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación acolleu este venres 30 de xullo unha nova xornada de divulgación na que os investigadores e investigadoras do Campus Industrial de Ferrol compartiron os avances realizados nos seus proxectos co resto da comunidade universitaria. Nesta ocasión participaron:

  • Sai Vempati (Convocatoria “Talento en Formación) “Análise termomecánica e metalúrxica na fabricación aditiva multimaterial”
  • Silvia Lage Rivera (Convocatoria “Talento en Formación) “Biosensores de resposta electroquímica compostos de PLA/MWCNT/lignina para a detección de glucosa”
  • Jesika Asatryan (Convocatoria “Talento en Formación) “A semiparacristalinidade dos polímeros semicondutores”
  • Anja Schmidt “Desenvolvemento de novos materiais biodegradables e sostibles baseados en polihidroxialcanoatos para a súa aplicación na industrial do envasado”
  • Danny Moncada “Elaboración de biocomposites a partir de fontes renovables para aplicacións médicas e ambientais”
  • Mercedes Pereira “Estudo da susceptibilidade das estruturas téxtiles ao desprendemento de microfibras”
  • Laura Vázquez “Escalado industrial e mellora da eficiencia enerxética no curado de composites mediante corrente eléctrica”
  • Zoia Haholkina (Convocatoria “Talento Investigador”) “Esponxas hemostáticas con micropartículas para a liberación prolongada de fármacos”
  • María Isabel Rial Hermida (Convocatoria “Talento Investigador”) “Sistemas poliméricos biocompatibles para a liberación sostida de axentes activos”
  • Marius Bodor (Convocatoria “Talento Investigador”) “Obtención de nanocompostos para aplicacións de impresión 3D”
  • Florian Michaud (Convocatoria “Talento Investigador”) “Biomecánica: simulación computacional con modelos multicorpo, análises do movemento e medicións experimentais”
  • Manuel Romero “Estudo dos biomateriais e novos materiais para a impresión 3D das órtestes podolóxicas”
  • Harriet Kumi (Convenio entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África) “Reconstrución de postas 3D a partir dunha reacción nuclear cun filtro de Kalman ampliado”
  • Francisco Bottero (Convocatoria “Talento en Formación”) “Medición do coeficiente de arrastre das redes de pesca”
  • Sergio Roget Mourelle (Convocatoria “Talento en Formación”) “Simulación da interacción fluído-estrutura nas redes de pesca”
  • Sarath Krishnan “Simulación computacional do fluxo a través de redes de pesca utilizando un enfoque de medios porosos”
  • José Manuel Ciriano Palacios (Convocatoria “Talento en Formación”) “Xemelgo dixital do buque como ferramenta de mellora da seguridade e da eficiencia enerxética”
  • Julio Barreiro “Metodoloxía para a optimización enerxética de buques intelixentes”
  • Doha Elrhoul (Convocatoria “Talento en Formación”) “Cadea verde de produción de hidróxeno a bordo de transportes marítimos”
  • Cristina Pardo “Escenarios de aprendizaxe. Deseño e influencia do espazo arquitectónico universitario no proceso de ensinanza-aprendizaxe mediante metodoloxías activas”

    Un total de 20 investigadores e investigadoras do Campus Industrial de Ferrol presentaron este venres no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación os avances realizados nos seus proxectos ao longo dos últimos meses. A metade das persoas participantes nesta xoranda foron contratadas ao abeiro das convocatorias “Talento en Formación”, “Talento Investigador”, das axudas ao Programa de Doutoramento Industrial e do convenio asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África.
    Un total de 20 investigadores e investigadoras do Campus Industrial de Ferrol presentaron este venres no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación os avances realizados nos seus proxectos ao longo dos últimos meses. A metade das persoas participantes nesta xoranda foron contratadas ao abeiro das convocatorias “Talento en Formación”, “Talento Investigador”, das axudas ao Programa de Doutoramento Industrial e do convenio asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África.