Ferrol, 7 de xullo de 2026.- O Campus Industrial de Ferrol e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en colaboración co Observatorio da Política China (OPCh), abren o prazo de inscrición no Curso “As Nacións Unidas no Mundo do Século XXI: Gobernanza Global, Axenda 2030 e o Papel de Asia” que terá lugar, ao longo do mes de outubro, na Facultade de Humanidades e Documentación. Esta nova proposta formativa ofrecerá unha análise do papel das Nacións Unidas no contexto internacional, poñendo o foco na gobernanza actual, nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e na crecente relevancia de Asia na configuración da orde mundial.
A primeira sesión, titulada “O Sistema das Nacións Unidas nun Mundo Multipolar: O Papel do Sur Global”, terá lugar o mércores 7 de outubro, ás 18:00 horas, e correrá a cargo do director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e profesor da Universidade da Coruña (UDC), Christoph Schreinmoser. A segunda sesión, “Axenda 2030 e Gobernanza Global e Desenvolvemento Sustentable”, terá lugar o mércores 14 de outubro, tamén ás 18:00 horas. Nesta ocasión, o relator será o director do Observatorio da Política China (OPCh), Daniel González Palau.
O programa complétase con outras dúas sesións previstas para os mércores 21 e 28 de outubro tituladas “Traballar nas Nacións Unidas e nas Organizacións Internacionais” e “Ferrol no Mundo do Século XXI: Ferrol e Galicia no diálogo Oriente- Occidente”, respectivamente. Nelas esta prevista a participación, tanto en formato presencial como en liña, de persoas expertas en xeopolítica, en relacións internacionais, en gobernanza global, en comercio internacional e en internacionalización empresarial.
A actividade está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado nesta temática. A asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo da sala. As persoas interesadas en obter máis información poden contactar coa organización a través do enderezo electrónico info@igadi.gal.
