O Campus Industrial de Ferrol fortalécese co Grao en Relacións Internacionais, novidade da UDC do próximo curso xunto co de Intelixencia Artificial na Coruña

  • A vicerreitora de Ferrol María Jesús Movilla, a vicerreitora Académica, Nancy Vázquez, e os coordinadores dos novos títulos, Jorge Quindimil, de Relacións Internacionais, e Bertha Guijarro, de Intelixencia Artificial, presentaron a oferta de graos do próximo curso da Universidade da Coruña.
  • O Grao en Relacións Internacionais, que se impartirá na Facultade de Humanidades e Documentación, será bilingüe e terá a especialización en Cooperación para o Desenvolvemento. O Grao en Intelixencia Artificial, que se ensinará na Facultade de Informática, será DUAL e terá a especialización en Sociedade e Industria Intelixentes.
  • O Campus de Ferrol ofrecerá toda a súa docencia en Esteiro, coa integración das politécnicas de Esteiro e Serantes na nova Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

 

A Coruña, 17 de xuño de 2022.- A Universidade da Coruña ofrecerá o próximo curso dous novos graos, o Grao en Intelixencia Artificial, na Facultade de Informática, no Campus de Elviña, e o Grao en Relacións Internacionais, na Facultade de Humanidades e Documentación, no Campus Industrial de Ferrol.

A vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e os coordinadores dos novos graos, Jorge Quindimil, de Relacións Internacionais, e Bertha Guijarro, de Intelixencia Artificial, presentaron esta mañá a nova oferta de graos do próximo curso no Campus de Ferrol.

Movilla sinalou que o Campus Industrial de Ferrol “vese reforzado coa nova oferta académica con títulos nos que temos especial interese e que atraerán a novo alumnado ao campus”. A vicerreitora agradeceu á Facultade de Humanidades e Documentación o seu traballo na consecución do Grao en Relacións Internacionais. María Jesús Movilla aproveitou para lembrar outra das novidades que traerá o próximo curso ao Campus de Ferrol pois coa recentemente creada Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, que integra ás antigas politécnicas de Esteiro e Serantes, todo o alumnado destes dous centros recibirá a súa docencia en Esteiro, na EPEF.

Para Nancy Vázquez, a oferta académica da Universidade da Coruña está na actualidade “renovada, consolidada e preparada para dar resposta con garantías ás necesidades e requirimentos presentes e futuros e para ter un papel decisivo na acción educativa e cultural que demande a sociedade”, como corroboran as titulacións implantadas nos últimos anos, pioneiras e únicas no Sistema Universitario Galego. Temos unha oferta moi completa, con 41 graos nas diferentes ramas de coñecemento, sete dobres graos e dous graos abertos. A vicerreitora considerou como “moi importante” o Grao en Relacións Internacionais que se impartirá na Facultade de Humanidades e Documentación. Un centro, sinalou que “foi quen de ir actualizando e renovando a súa oferta; renovación fundamental para as universidades e mais nestes tempos en que os cambios se producen con gran rapidez”.

A vicerreitora aproveitou para dar unha mensaxe ao estudantado que onte recibiu a súa nota da Abau e teña dúbidas sobre que estudar. Nestes días de reflexión que aínda quedan ata o martes 21 que é cando comeza a preinscrición, Vázquez animounos a pensar en elixir un grao por vocación. “É a maneira de non considerar o estudo como unha obriga senón como unha oportunidade para penetrar no marabilloso mundo do saber”, dixo parafraseando a Einstein. “É importante que elixades un grao que vos poida conducir a un traballo que vos gustaría desempeñar no futuro. Se seguides a vosa vocación, seredes bo no que fagades e, estou segura de que triunfaredes”, concluíu dirixíndose directamente aos futuros universitarios.

Grao en Relacións Internacionais

O coordinador do Grao en Relacións Internacionais, Jorge Quindimil, explicou que este título era “largamente esperado para as persoas que somos internacionalistas”. Neste grao, único no noroeste de España, “temos grandes expectativas e de feito, estamos xa recibindo solicitudes de fóra de Galicia”, confesou engadindo que tamén era un título esperado por estudantado e polos posibles empregadores, tanto públicos como privados”.

Este grao é interuniversitario coa Universidade de Vigo. Os dous primeiros cursos terán carácter común a ambas as dúas universidades. O alumnado matriculado no Campus Industrial de Ferrol poderá realizar toda a súa carreira na Facultade de Humanidades e Documentación. Os dous primeiros anos terá clases en formato híbrido, é dicir, algunhas materias impartidas polos docentes da UDC de forma presencial e outras por docentes da UVigo de forma telemática, sen necesidade de desprazarse de campus. Os dous últimos anos serán os da especialización, que na UDC terán a mención de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. Presenta un plan de estudos “atractivo e moi actualizado cunha presencia de materias de moitas disciplinas, como economía, dereito, política, antropoloxía ou novas tecnoloxías”, destacou Quindimil, especificando que a metade das materias se impartirán en inglés e definiu o perfil do futuro estudantado. “Este é un título dirixido a alumnado que quere cambiar o mundo, que quere desenvolver o seu traballo para mellorar as relacións internacionais e poder compartir os grandes desafíos da humanidades como a loita contra a pobreza, as desigualdades, o cambio climático, as migracións, etc.”, describiu.

Como posibles saídas laborais, ademais do acceso ao corpo diplomático o titulado poderá traballar en ONG, en entidades públicas que teñen programas de cooperación ao desenvolvemento ou en multinacionais e pequenas e medianas empresas de exportación.

Grao en Intelixencia Artificial

Bertha Guijarro, coordinadora do Grao en Intelixencia Artificial (IA) da Universidade da Coruña, destacou que a IA non é unha disciplina recente, pero necesitou dun tempo para implantarse na sociedade pois as tecnoloxías non estaban o suficientemente maduras. “Isto cambiou, hai moitos avances en biotecnoloxía, manufactura, etc. que contribuíu a que agora estean a tecnoloxía suficientemente madura como para poder elaborar estudos ao seu arredor”, dixo. Estes estudos ata agora formaban parte dalgunhas materias dos graos en Informática pero agora necesitan dunha especialización. No caso da Facultade de Informática da UDC, leva trinta anos impartindo docencia e realizando investigación nesta disciplina polo que a implantación deste grao é “case natural”, explicou.

Estudos realizado por Microsoft, Linkedin e outros predín que a necesidade de especialistas en IA terá unha taxa de crecemento anual do 80% e agora mesmo é o perfil profesional máis demandado, segundo puxo de relevo a coordinadora do Grao en IA da UDC. A única forma de cubrir estas demandas é a formación e países como China e Estados Unidos están incrementando as súa titulacións. En España só se imparte en cinco centros, desde hai dous ou tres anos, aos que se suma agora o Sistema Universitario Galego, pois este título é interuniversitario pero se imparte de forma independente.

O Grao en IA da UDC abarca todas as tecnoloxías necesarias para facer sistemas intelixentes. O terceiro curso e cuarto son de especialización que na UDC será Sociedade e Empresa Intelixentes, que dará unha visión empresarial sobre como facer aplicacións intelixentes nas empresas. Característica distintiva da UDC é que se ofertará o cuarto curso en versión DUAL, co que o alumnado poderá elixir entre facer unha formación na universidade ou 48 dos 60 créditos nunha empresa baixo supervisión dun titor académico.

Oferta en inglés

A oferta da UDC inclúe varios graos que contan cun itinerario en inglés, de tal xeito que o estudantado que así o desexe poida cursar un 50% dos contidos en inglés como ADE, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Estudos de Arquitectura, Dereito, Química, Economía e Tecnoloxías da Enxeñaría Civil. Ademais ofrece catro graos internacionais nos que é posible obter o título pola UDC e outro por unha universidade estranxeira de referencia, e son os graos en ADE, Dereito, Enxeñaría Informática e Inglés: estudos lingüísticos e literarios.

Os graos en Xestión Industrial da Moda e o novo de Relacións Internacionais impartirán a metade das materias en inglés polo que é necesario acreditar un nivel mínimo de este idioma. O alumnado procedente de centros públicos de bacharelato de Galicia cunha nota media de 7 en inglés non terá que facer nada. O resto de estudantado terá que acreditar o nivel de inglés no momento en que faga a matrícula.

Así mesmo, a UDC dispón dun grao cun itinerario de formación DUAL, pioneiro en Galicia, o Grao en Enxeñaría Eléctrica que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. Ademais ofrece dous graos abertos, o de Ciencias Sociais e Xurídicas e o de Enxeñaría Industrial. Estes graos están destinados a aquel alumnado que querendo cursar unha titulación destas áreas non se decanta por ningunha en concreto. Coa opción do grao aberto poderá realizar materias comúns a varios graos e tomar logo unha decisión sobre a titulación a seguir.

A UDC ofrece sete dobres graos:

  • Bioloxía + Química
  • Administración e Dirección de Empresas + Dereito
  • Turismo + Ciencias Empresariais
  • Español: Estudos Lingüísticos e Literarios + Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios
  • Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios + Español: Estudos Lingüísticos e Literarios
  • Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios + Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios
  • Enxeñaría Mecánica + Enxeñaría Naval e Oceánica

 

Límite de prazas en titulacións de grao para o curso 2022/2023

Escola Técnica Superior de Arquitectura

Grao en Estudos de Arquitectura, 132 prazas

Grao en Paisaxe (interuniversitario), 45 prazas (a matrícula de primeiro ano faise na USC)

 

Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos

Grao en Enxeñaría de Obras Públicas, 50

Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, 50

 

Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas

Grao en Máquinas Navais, 50

Grao en Náutica e Transporte Marítimo, 50

 

Escola Universitaria de Arquitectura Técnica

Grao en Arquitectura Técnica, 50

 

Facultade de Ciencias

Grao en Bioloxía, 70

Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, 50

Grao en Química, 50

Dobre Grao en Bioloxía e Grao en Química, 10

 

Facultade de Ciencias da Comunicación

Grao en Comunicación Audiovisual, 50

Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, 50

 

Facultade de Ciencias da Educación

Grao en Educación Infantil, 120

Grao en Educación Primaria, 120

Grao en Educación Social, 80

Grao en Logopedia, 60

 

Facultade de Ciencias da Saúde

Grao en Terapia Ocupacional, 50

 

Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física,

Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, 120

 

Facultade de Dereito

Grao en Dereito, 120

Dobre Grao en Administración e Dirección de Empresas e

Grao en Dereito, 60

 

Facultade de Economía e Empresa

Grao en Administración e Dirección de Empresas, 180

Grao en Ciencias Empresariais, 90

Grao en Economía, 90

Dobre Grao en Turismo e Grao en Ciencias Empresariais, 25

Grao Aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas, 10

 

Facultade de Filoloxía,

Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, 30

Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, 40

Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, 100

Dobre Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, 5

Dobre Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, 20

Dobre Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, 5

 

Facultade de Fisioterapia

Grao en Fisioterapia, 60

 

Facultade de Informática

Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, 60

Grao en Enxeñaría Informática, 264

Grao en Intelixencia Artificial (interuniversitario), 50 (UDC) NOVO

 

Facultade de Socioloxía

Grao en Socioloxía, 95

Facultade de Turismo

Grao en Turismo (presencial), 54

Grao en Turismo (online),10

 

Escola Universitaria de Enfermería (centro adscrito  AC)

Grao en Enfermaría, 72

 

Escola Universitaria de Relacións Laborais (centro adscrito  AC)

Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, 70

 

Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, 45

Grao en Enxeñaría Mecánica, 45

Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, 45

Dobre Grao en Enxeñaría Mecánica e Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, 8

Grao Aberto en Enxeñaría Industrial, 8

Grao en Enxeñaría Eléctrica (opción DUAL), 45

Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, 50

 

Escola Universitaria de Deseño Industrial

Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, 70

 

Facultade de Ciencias do Traballo

Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, 48

 

Facultade de Enfermaría e Podoloxía

Grao en Enfermaría, 72

Grao en Podoloxía, 50

 

Facultade de Humanidades e Documentación

Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación, 45

Grao en Xestión Industrial da Moda, 50

Grao en Relacións Internacionais (interuniversitario), 23 (UDC) NOVO

Premios Excelencia á mellor nota de admisión

A Universidade da Coruña recoñece o esforzo do alumnado por acceder á formación superior, polo que entrega os Premios Excelencia á mellor nota de admisión nos graos ao alumnado que, procedente de bacharelato ou ciclos formativos de grao superior, se matricule na UDC. Ademais de entregarlle un diploma acreditativo, outorga un cheque que supera os 500 euros.

Residencias públicas universitarias

Os campus da Coruña e Ferrol contan con residencia pública universitaria. A residencia Elvira Bao, situada na praza do Museo Nacional de Ciencia na Coruña dispón de 118 prazas, das que dúas son cuartos individuais destinadas ao alumnado con mobilidade reducida, que requira dun aloxamento adaptado; e 116 en cuarto dobre (non mixtas). O prezo dos cuartos oscila entre 119 e 253 euros e inclúe os consumos de calefacción, electricidade, auga e conexión wifi. As habitacións son todas exteriores e dispoñen de baño e zona de estudo. A residencia dispón de dúas salas de ocio e unha de estudo.

A residencia universitaria de Ferrol está situada na rúa Sánchez Barcáiztegui. Ofrece 25 prazas, 15 en cuarto individual e 10 en cuarto dobre.  Todos os cuartos son exteriores e os prezos, ao igual que os da Coruña oscilan entre 119 e 253 euros. No prezo inclúense os consumos de calefacción, auga, wifi e electricidade. A residencia ten ademais sala de estudos, salas de estar con televisión, sala de ocio, pista deportiva, cociñas, microondas, neveiras e conxelador e zona axardinada e prensa, con servizo de conserxaría as 24 horas.

 

Desde a esquerda, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela Santos, Jorge Quindimil, Nancy Vázquez, María Jesús Movilla e Bertha Guijarro