O Campus Industrial de Ferrol incorpora novo persoal investigador grazas a dúas convocatorias propias para captar e reter talento

Ferrol, 20 de maio de 2025.- A investigadora predoutoral Ana Ortega e o investigador postdoutoral José Manuel Liñeira veñen de incorporarse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) grazas ás convocatorias “Talento en Formación” e “Talento Investigador” que promove o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). Ambos os dous desenvolven os seus traballos de investigación nalgunha das liñas estratéxicas do campus como poden ser a robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.

Ana Ortega (Narón, A Coruña – 2000) é graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais pola Universidade da Coruña (UDC), cursou o máster en Enxeñaría Industrial na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e traballou no Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, situado no Edificio de Batallóns. No ano 2022 obtivo un dos primeiros galardóns na categoría de “Traballos de Fin de Grao” do I Premio a Traballos de Fin de Grao e Traballos de Fin de Máster para a Transición Enerxética convocado pola Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy que promove a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con esta empresa coruñesa dedicada ao deseño e fabricación de grupo electróxenos.

Na actualidade, Ana Ortega está matriculada no programa de doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial. Ao longo dos próximos catro anos, traballará no modelado, deseño e optimización de plantas de recuperación enerxética empregando a intelixencia computacional da man do seu director de tese, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador do grupo de Sistemas Térmicos e Transferencia de Calor (SITER) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Alberto Arce.

José Manuel Liñeira (Ordes, A Coruña – 1993) é doutor en Enxeñaría Termodinámica de Fluídos pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con anterioridade, obtivo, tamén na universidade compostelá, o título de graduado en Química e cursou o máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable. Nos últimos anos realizou estadías postdoutorais na Universidade do Porto e na Universidad de Oviedo e estivo contratado como persoal investigador na Universidad Politécnica de Valencia (UPV).

Cómpre destacar que José Manuel Liñeira ten publicados 37 artigos en revistas de alto impacto e 35 contribucións en conferencias nacionais e internacionais. De feito, acadou o premio extraordinario de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC), catro galardóns do Programa IACOBUS ao mellor artigo científico e dous premios en congresos internacionais á mellor comunicación.

Ao longo dos próximos tres anos traballará na formulación e caracterización tribolóxica (fricción, desgaste e análise superficial) de lubricantes optimizados para o seu uso en diferentes aplicacións na industria co fin de mellorar a eficiencia enerxética e de reducir o impacto ambiental. Farao desde o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do Centro de Investigación en Tecnoloxía Naval e Industrial (CITENI) da man dos profesores e investigadores María José Tobar e José Manuel Amado.

Un total de 14 contratos predoc e postdoc formalizados desde 2022

A través da convocatoria “Talento en Formación”, o Campus Industrial de Ferrol  ten contratados, por un período de catro anos, a un total de 11 investigadores e investigadoras predoutorais. En xullo de 2022 incorporáronse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e, máis concretamente, ao Grupo de Polímeros, Silvia Lage e Jesika Asatryan. Ao mesmo tempo, Francisco Bottero sumábase ao equipo do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM).

Pouco despois, en novembro de 2022, Sergio Roget e José Manuel Ciriano, comezaban a traballar no Grupo Integrado de Enxeñaría e xa en maio de 2023, Sai Vempati incorporábase ao Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) e Doha Erlhoul iniciaba os seus estudos no eido da enerxía e a propulsión mariña no Laboratorio de Enxeñaría Enerxética (INGEN). En 2024 sumábanse a esta listaxe  Ali Aordou, Harriet Kumi e Ánxela Ánxela Pérez, quen están desenvolver o seu labor investigador no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), no Laboratorio de Física Nuclear e de Altas Enerxías (FINAE) e no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), respectivamente. A última investigadora en incorporarse foi Ana Ortega, no grupo de Sistemas Térmicos e Transferencia de Calor (SISTER).

Pola súa banda, a convocatoria “Talento Investigador” permitiu que o Campus Industrial de Ferrol contratase, tamén por un período de catro anos, a outros tres investigadores e investigadoras postdoutorais. Así, en xullo de 2022, Florian Michaud incorporábase ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) e Zoia Haholkina ao Grupo de Polímeros. Xa en 2025 súmase a esta listaxe José Manuel Liñeira quen traballará desde o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL). Cada un destes investigadores e investigadoras dispón de 30.000 euros para desenvolver o seu propio proxecto de investigación.

A maiores, grazas ás axudas ao Programa de Doutoramento Industrial outro estudante accedeu, en xuño de 2022 a un contrato, cunha duración mínima dun ano e máxima de tres, para realizar a súa tese en colaboración cunha empresa da contorna. Trátase de Tanausú Almeida quen traballa man a man con  Coremarina Solutions.

Ana Ortega e José Manuel Liñeira, diante do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol.
Ana Ortega e José Manuel Liñeira, diante do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol.