O Campus Industrial de Ferrol organiza este venres a súa I Xornada do Téxtil en colaboración con COINTEGA e Texfor

Programa da I Xornada do Téxtil do Campus Industrial de Ferrol que terá lugar o vindeiro venres 29 de abril no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán.

Ferrol, 25 de abril de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal acolle, este venres 29 de abril, a partires das 09:30 horas, a I Xornada do Téxtil do Campus Industrial de Ferrol na que colaboran a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA) e a Confederación Industria Téxtil (Texfor). Está previsto que no acto de apertura participen o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, o presidente de COINTEGA, José Antonio Conde, e a responsable de Innovación en Texfor, Anna Ribé.

Ás 09:45 horas dará comezo a primeira das mesas redondas titulada “Exemplos de éxito empresarial” na que intervirán o fundador de elPulpo, José Antonio Chacón, a directora de Deseño e Fabricación en JEVASO, María Vázquez Mosteiro, e a responsable de Dirección de Arte en Bran Serigrafic, Luisa Candal. A segunda mesa redonda, titulada “Cadea de Subministración”, empezará ás 11:00 horas e contará coa participación do responsable da Dirección de Innovación en Selmark, Diego Piñeiro, do fundador e CEO de BIONIX Supply Chain Technologies, Jacobo Penide, e do responsable de Sustainability & Supply Chain Manager en Kusilas, Carlos Sánchez. Ambas as dúas mesas serán moderadas polo secretario xeral de COINTEGA, Alberto Rocha.

A moda sostible será a protagonista da terceira mesa redonda. Ás 12:30 horas intervirán o CEO de Augusto Bellini, Pepe Costa, o xerente de Insertega, Juan Meijide, o coordinador xeral da Fundación Taller de Solidaridad, Rafael Veiga, e o director de Marca en Ecolife by Belda Llorens. A fundadora de Nuria Neira Consulting, Nuria Neira, exercerá como moderadora.

Ás 13:45 horas intervirá a responsable de Innovación en Texfor, Anna Ribé, quen afondará, entre outros asuntos, no programa European Smart Textiles Accelerator (SMARTX) que ten por obxectivo impulsar a innovación de téxtiles intelixentes para desenvolver unha cadea de valor de fabricación de extremo a extremo en Europa que axude á creación de prototipos de xeito rápido e a prezos razoables. Por último, ás 14:15 horas, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, aproveitará a súa intervención para afondar nas potencialidades do que é o primeiro campus acreditado do Sistema Universitario Galego.

Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta I Xornada do Téxtil do Campus Industrial de Ferrol terán que reservar a súa praza chamando ao 881 01 3621 ou ben enviando un correo electrónico cos seus datos a comunicacion.campus.industrial@udc.gal antes das 14:00 horas do xoves 28 de abril. O aforo é limitado e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.