O Campus Industrial de Ferrol organiza unha Xornada sobre Eólica Mariña a cargo do parque Eólico Mariño Nordés

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro mércores 15 de marzo, de 16:00 a 17:00 horas, a Xornada Eólica Mariña a cargo do Parque Eólico Nordés impartida por Helena Brage, responsable de desenvolvemento de negocio da empresa Blue Float.
Ao longo da xornada, o alumnado participante poderá coñecer máis polo miúdo o contexto e situación da enerxía eólica mariña e porqué é chave esta enerxía. Tamén poderán afondar no desenvolvemento técnico de proxectos de eólica mariña flotante. Por último, tratarán as oportunidades de futuro que este sector terá en termos de xeración de emprego nas distintas fases do proxecto.
A formación está especialmente orientada ao alumnado da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol e doutras Escolas e Facultades, do Campus Industrial de Ferrol e da Universidade da Coruña, pero tamén poderán asistir outros integrantes da comunidade universitaria e público en xeral interesado en participar nesta actividade formativa.