O Campus Industrial de Ferrol recibe a distinción de “Ferrolán do Ano”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla; a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e a directora do CIF, Ana Ares, recolleron o galardón entregado polo alcalde Ángel Mato, coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

O Concello de Ferrol celebrou o pasado venres, 7 de xaneiro, a festividade do seu patrón, San Xiao, no Teatro Jofre, cunha cerimonia na que se entregou o máximo galardón da cidade, a distinción “Ferrolán do Ano”, ao Campus Industrial da Universidade da Coruña.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e a directora do Campus Industrial, Ana Ares, recolleron a distinción de mans do alcalde, Ángel Mato, nun acto no que estaba presente a alcaldesa de Lugo (cidade irmandada con Ferrol), Lara Méndez.

Movilla lembrou no seu discurso o traballo realizado pola anterior vicerreitora de Ferrol, Araceli Torres, e polo vicerreitor de Economía, Domingo Calvo, así como do anterior director do CIF, Ginés Nicolás, na posta en marcha do Campus Industrial e na consecución da distinción da Xunta como o primeiro campus de especialización acreditado de Galicia. Nestes anos de traballo, a Universidade reestruturou o campus para ter unha oferta académica actualizada e atractiva para o estudantado, vinculada coa contorna industrial de Ferrolterra.

A vicerreitora subliñou que a distinción de “Ferrolán do Ano” “ten un elevado valor simbólico que, ao tempo que nos honra, salienta a sintonía entre o campus e a cidade”. “Seguiremos facendo Campus, seguiremos facendo Ferrol”, comprometeu María Jesús Movilla.

Pola súa banda, o alcalde, Ángel Mato, destacou a relevancia do Campus Industrial “no camiño de crear e asentar en Ferrol o talento no que debemos cimentar o noso futuro” e asegurou que a Universidade da Coruña “é o piar máis importante desta cidade, unha institución vital”. Tamén a alcaldesa de Lugo tivo palabras de recoñecemento para a Universidade asegurando que os campus “son axentes promotores da riqueza e do coñecemento e de dar oportunidade de formación aos veciños”.

O Concello de Ferrol entregou ademais as Insignias de Ouro ao bailarín Jaime Pablo Díaz, director da compañía Nova Galega de Danza; ás unidades de Coidados Paliativos e de Hospitalización a Domicilio (HADO) da área sanitaria de Ferrol; á Sociedade Artística Ferrolana; ao histórico dirixente veciñal Salustiano Gómez, a título póstumo, e á Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva de Canido, polo seu centenario.