O Campus Industrial de Ferrol recibe aos participantes no IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval que organiza a Cátedra Ghenova – UDC

Ferrol, 6 de outubro de 2023.- Os exteriores da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, acolleron esta maná a recepción aos participantes no IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval que organiza o Instituto Panamericano de Enxeñaría Naval Américas (IPIN) e a Cátedra Ghenova – Universidade da Coruña.

No acto participaron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o vicealmirante e almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Ignacio Frutos Ruíz; a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas; o director da Cátedra Ghenova, Luis Carral; a presidenta do IPIN, Aguivar Olidel Vite; e o director do estaleiro Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro.

O IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval consta de dúas partes, unha, xa realizada, con sede en Sevilla, que clausurou onte a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero; e unha segunda, con sede na cidade de Ferrol, que ten lugar hoxe. O congreso contou coa participación de máis de 350 especialistas e representantes de universidades, centros de investigación, armadas, armadores, estaleiros, portos, enxeñarías, industria, sociedades de clasificación e outras autoridades do sector de España e Hispanoamérica que debaten sobre a enxeñaría naval, o seu futuro e o seu impacto tanto na sociedade como no planeta.

Logo recibir a benvida por parte das autoridades, os máis de 60 participantes no congreso en Ferrol puideron asistir na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación a unha mesa de traballo sobre tecnoloxías e o estado da construción naval, na que interviron o codirector do Centro Mixto de Investigación Navantia – UDC, Pablo Fariñas, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Vicente Díaz Casás, o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, o director técnico do Programa de Fragatas F-110, Rafael Seijo, e o comandante da 31 Escuadrilla de Superficie da Armanda, Jesús Viñas Barciela.

O programa da xornada inclúe tamén visitas aos estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene, ao Arsenal Militar de Ferrol e ao Museo da Construción Naval (Exponav), situado tamén na cidade departamental.

Máis información: https://ivcongresoiberoamericanoingenierianaval.com/

Autoridades durante a intervención de Aguivar Olidel Vite, presidenta do Instituto Panamericano de Enxeñaría Naval Américas (IPIN)
Autoridades durante a intervención de Aguivar Olidel Vite, presidenta do Instituto Panamericano de Enxeñaría Naval Américas (IPIN)
Recepción dos máis de 60 congresistas participantes
Recepción dos máis de 60 congresistas participantes