Ferrol, 22 de febreiro de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor–Foundation for Environmental Education (ADEAC–FEE), José Palacios, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, o director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Manuel Soto, así como varios integrantes do Comité Ambiental do Green Campus Ferrol, asisten mañá, xoves 23 de febreiro, ás 11:30 horas, ao acto de recepción da Bandeira Verde do Programa Green Campus que terá lugar na Sala de Xuntas da Vicerreitoría.
O Campus Industrial de Ferrol acadou a Bandeira Verde para os seus cinco centros docentes por primeira vez en novembro de 2019 logo de ter implementado diversas accións en materia de aforro de auga, luz, calefacción e de papel así como nas áreas de xestión de residuos e máis na mobilidade sustentable. Nesta convocatoria revalida a concesión da Bandeira Verde. Na última eco-auditoría, a Asociación Ambiental e do Consumidor (ADEAC–FEE) valorou moi positivamente a creación dunha horta comunitaria, situada a carón do Edificio de Apoio ao Estudo, a posta en marcha do sistema de compostaxe de residuos orgánicos en colaboración coa cafetería do campus e o proxecto de eficiencia enerxética levado a cabo na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e máis na Facultade de Humanidades e Documentación.