Preto de 600 estudantes de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional participan este venres 14 de abril, entre as 9:30 e as 20:00 horas, na II Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol. Na quenda de mañá, asistirá alumnado do IES Sofía Casanova, do IES Concepción Arenal, do IES Ricardo Carballo Calero e do IES Canido de Ferrol, así como do IES A Sardiñeira da Coruña e do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. A quenda da tarde está dirixida a un público máis familiar.
Os datos de participación deste ano superan os rexistrados na edición do ano pasado que chegou aos case 400 asistentes.
O alumnado inscrito nesta xornada achegarase á oferta formativa do Campus Industrial de Ferrol, a través de tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería.
O estudantado que optou previamente polo itinerario de Ciencias da Saúde acudirá á Facultade de Enfermería e Podoloxía, centro no que se imparten os graos en Enfermería e en Podoloxía. O alumnado que elixiu o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas visitará a Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos e tamén visitará a Facultade de Humanidades e Documentación para coñecer máis polo miúdo o Grao en Xestión Industrial da Moda, o Grao en Xestión Dixital da Información e Documentación e o Grao en Relacións Internacionais, que se puxo en marcha este curso 2022/2023. Cabe destacar o interese que suscitou este itinerario no que están inscritos un total de 235 estudantes. Pola súa banda, o itinerario de Enxeñería levará ao estudantado ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial na que se imparte o Grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto e tamén á Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF). Nesta impártense os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñería Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. Ademais, a EPEF oferta tamén o Grao en Enxeñería Eléctrica, primeiro grao dual do Sistema Universitario Galego e o Grao aberto en Enxeñería Industrial, unha titulación que permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso podendo elixir entre os graos en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben o grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.