O Campus Industrial de Ferrol reflexiona sobre a IA, o papel do control automático no ciclo do hidróxeno e a inclusión tecnolóxica

Ferrol, 13 de outubro de 2026.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, os días 15, 28 e 29 de outubro, unha nova edición do ciclo de conferencias “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”, organizado por un grupo de profesores e profesoras do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) grazas á unha convocatoria propia da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC) e ás axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia.

O ciclo arranca este xoves 15 de outubro, ás 12:30 horas, coa conferencia “Intelixencia Artificial: da aprendizaxe automática aos axentes de IA”, impartida polo catedrático de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidad de La Laguna (ULL), Juan Albino Méndez Pérez. Ao longo da súa intervención, o relator abordará a evolución da intelixencia artificial, desde os sistemas de aprendizaxe automática ata o desenvolvemento dos axentes de IA, capaces de realizar tarefas e de interactuar coa súa contorna cun maior grao de autonomía.

A segunda sesión terá lugar o mércores 28 de outubro, ás 12:30 horas, da man do catedrático de Enxeñaría de Sistemas, Automática e Informática Industrial da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), Ramón Costa Castelló, quen pronunciará a conferencia titulada “O papel do control automático no ciclo do hidróxeno”. O relatorio centrarase na importancia dos sistemas de control automático nos procesos relacionados co hidróxeno, unha tecnoloxía de vital importancia no marco da transición enerxética e da descarbonización da industria.

Esta proposta divulgativa pecharase o xoves 29 de outubro, ás 12:30 horas, coa intervención da catedrática de Enxeñaría de Sistemas e Automática e directora da Cátedra Extraordinaria “ONCE-Tiflotecnología” da Universidad Complutense de Madrid (UCM), María Guijarro Mata-García. No seu relatorio, titulado “Das máquinas que calculan ás que crean: intelixencia artificial, IA xerativa e inclusión”, reflexionará sobre a evolución destas tecnoloxías, as posibilidades que abre a Intelixencia Artificial xerativa e a importancia de promover un desenvolvemento tecnolóxico accesible e inclusivo.

Ao igual que en anteriores edicións, este terceiro ciclo de conferencias “Auto-Sinerx-IA” está dirixido ao alumnado das titulacións de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Con todo, a actividade tamén está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. Máis información enviando un correo electrónico a esteban.jove@udc.es.

Inscrición – III Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”

•O ciclo “Auto-Sinerx-IA”, que terá lugar os días 15, 28 e 29 de outubro, reunirá a tres persoas expertas para explorar os avances da aprendizaxe automática cara os axentes de IA, o papel do control automático no ciclo do hidróxeno e as posibilidades da Intelixencia Artificial xerativa para impulsar a accesibilidade e a inclusión
O ciclo “Auto-Sinerx-IA”, que terá lugar os días 15, 28 e 29 de outubro, reunirá a tres persoas expertas para explorar os avances da aprendizaxe automática cara os axentes de IA, o papel do control automático no ciclo do hidróxeno e as posibilidades da Intelixencia Artificial xerativa para impulsar a accesibilidade e a inclusión