O Campus Industrial de Ferrol únese ao Programa Unreal Academic Partner

Ferrol, 22 de febreiro de 2022.- O Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos do Campus Industrial de Ferrol vén de ser recoñecido polo seu traballo con Unreal Engine uníndose ao Programa Unreal Academic Partner de Epic Games. Isto permitirá que o alumnado e o profesorado desta titulación poida ter acceso a unha ampla biblioteca de recursos virtuais, a ferramentas específicas e a unha serie de oportunidades de capacitación co software Unreal Engine e máis co seu ecosistema de tecnoloxía.

Tal e como indican desde Epic Games, o Programa Unreal Academic Partner “recoñece a aquelas universidades e escolas que se teñan comprometido a ofrecer oportunidades educativas de alta calidade, cun profesorado experimentado, plans de estudo probados así como instalacións e recursos suficientes para crear resultados positivos para o seu alumnado cunha variedade de obxectivos de crecemento persoal e profesional.” A proposta do Campus Industrial de Ferrol foi liderada pola coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, e polo profesor da Universidade da Coruña, Omar Álvarez, quen ademais é instrutor autorizado de Unreal por Epic Games.

O máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos impártese desde o curso 2018/19 na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. Ten unha duración de dous anos e ofrece materias optativas vinculadas coa área de Arte e Tecnoloxía para os Videoxogos e coa de Programación e Aplicacións Avanzadas.

Alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos diante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, centro no que se imparte esta titulación de dous anos de duración.
Alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos diante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, centro no que se imparte esta titulación de dous anos de duración.