O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia entrega mañá o premio aos mellores Traballos Fin de Máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

Ferrol, 15 de decembro de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle hoxe, xoves 15 de decembro, ás 19:00 horas, o acto de entrega dos premios aos mellores Traballos Fin de Máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) nos cursos 2020/21 e 2021/22 que outorga o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG). O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, e o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Francisco Pérez, presiden un acto no que tamén intervirán o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón.

A Lección Maxistral, titulada “A profesión do enxeñeiro industrial”, será impartida polo antigo profesor da Universidade da Coruña, José Fernández Martínez. Está previsto que, no transcurso do acto, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) lle faga entrega da Mención Honorífica ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, logo do traballo realizado a prol da integración da antiga Escola Politécnica Superior e da Escola Universitaria Politécnica, o que deu lugar á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), da posta en marcha do Campus Industrial de Ferrol, o primeiro campus de especialización acreditado do Sistema Universitario Galego (SUG), e dos pasos dados en relación á creación do novo Centro de Investigación en Industrial Intelixente (Ci3).

 

Curso 2021/22 – Máster en Enxeñaría Industrial

Categoría “Mellor Proxecto de Introdución á Investigación Aplicada” – 650 euros

“Estudo e desenvolvemento do xemelgo dixital dunha líña piloto para a fabricación de nós offshore mediante simulación de eventos discretos” – Autora: Belén Sañudo Costoya – Directores: Adolfo Lamas Rodríguez, profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e Inés Taracido López, enxeñeira industrial

 

Curso 2020/21 – Máster en Enxeñaría Industrial

Categoría “Mellor Proxecto Tradicional” – 650 euros

“Proxecto dunha nave industrial dedicada á calderería e soldadura” – Autora: Rocío Feijóo Díaz – Directores: José Carlos Álvarez Feal, profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e Juan Carlos Carral Couce, enxeñeiro industrial

 

Categoría “Mellor Proxecto de Introdución á Investigación Aplicada” – 650 euros

“Estimación do ángulo de balanceo dunha motocicleta mediante medidas inerciais” – Autor: Diego Maceira Muíños – Directores: Emilio Sanjurjo Maroño e Alberto Luaces Fernández, profesores da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).