Ferrol, 11 de febreiro de 2025.- Máis de 170 estudantes de Bacharelato Tecnolóxico e de FP Superior de nove centros galegos participan, este venres 14 de febreiro, de 09:30 a 14:00 horas, nas xornadas de portas abertas “Día da Enxeñaría” que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC). Cómpre sinalar que a limitación de aforo das actividades programadas para este evento deixou a preto de 100 mozos e mozas en lista de agarda.
Esta nova edición do “Día da Enxeñaría” achegará ata o Campus Industrial de Ferrol a alumnado e a profesorado do Colexio Marista Cristo Rey (A Coruña), do IES Urbano Lugrís (A Coruña), do IES Sofía Casanova (Ferrol), do CIFP Ferrolterra (Ferrol), do IES As Telleiras (Narón), do IES Terra de Trasancos (Narón), do IES Breamo (Pontedeume), do IES Xulián Magariños (Negreira) e do IES Perdouro (Burela).
O programa de actividades proposto pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) para esta xornada inclúe un Escape Room no que o estudantado participante terá que superar unha serie de pequenos retos vinculados ás materias de Matemáticas, Física, Química e de Expresión Gráfica para completar un puzzle e acadar o código que abre un misterioso cofre. O equipo gañador será aquel que consiga resolver todos os retos propostos e abrir o cofre no menor tempo posible. A duración máxima desta proba será de 40 minutos.
A maiores, ao longo da xornada, o alumnado de Bacharelato Tecnolóxico e de FP Superior participante na xornada coñecerá de primeira man o Proxecto GreenPower, no que participan preto de 20 alumnos e alumnas de grao, máster e de programas de doutoramento da escola, deseñando e construíndo un coche eléctrico co que compiten en varias carreiras autonómicas e nacionais baixo o nome de EPEF Racing Team. Nos xardíns do Campus Industrial de Ferrol simularase unha parada en boxes para ver o coche e ao equipo, incluída a piloto, en acción.
