O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña conmemora o seu 25 aniversario cunha entrega de galardóns no Campus de Ferrol

Ferrol, 10 de maio de 2024. O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu este venres o acto conmemorativo do 25 aniversario do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, un evento no que as empresas, as institucións así como as persoas que o integran tiveron un especial protagonismo e que culminou coa entrega de máis de 30 galardóns. O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, foron os encargados de abrir un acto que reuniu a máis de 100 persoas no campus ferrolán.

Na súa intervención, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, resaltou a interdisciplinariedade do Grupo Integrado de Enxeñaría poñéndoo como exemplo de referencia para a comunidade universitaria no que atinxe ao fortalecemento das relacións do tecido empresarial. Xa desde un punto de vista máis persoal, e desde a súa perspectiva como investigador, Cao quixo salientar algunha das ocasións nas que ten colaborado co grupo e os bos resultados obtidos. Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, destacou todo o traballo realizado ao longo destes 25 anos no eido da innovación docente poñendo o foco, principalmente, naqueles proxectos vinculados á Intelixencia Artificial (IA). A intervención do director xeral da empresa de enxeñaría especializada en apertamento e selado industrial Texas Controls, Frank Fernández, e do coordinador do grupo, Richard Duro, completaron a primeira parte do evento.

No seu 25 aniversario, o Grupo Integrado de Enxeñaría quixo recoñecer á Universidade da Coruña, á Fundación Universidade da Coruña (FUAC), ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), situado no Campus da Coruña, ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), emprazado no Campus de Ferrol, ao Centro Mixto de Investigación CEMI UDC – Navantia, situado tamén no campus ferrolán, e ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Tamén recibiron o seu correspondente recoñecemento Navantia, Texas Controls, o grupo Intaf, Electrorayma, Northius, CT Ingenieros, Itelsis, Cofrico, Scio, TMGA e Prointega. Do mesmo xeito, o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña quixo homenaxear aos investigadores Manuel Graña da Universidade do País Vasco, a Javier González da Universidade de Vigo, así como a María del Camino Rodríguez Vela e a Ramiro Varela Arias da Universidade de Oviedo.

O persoal investigador máis novo do Grupo Integrado de Enxeñaría obtivo tamén o seu correspondente galardón xunto á técnico administrativo Silvia Fernández, ao responsable de Proxectos en Industria, Arsenio Iglesias, e ao investigador do grupo José Antonio Becerra Permuy. Nesta liña, o grupo de investigación quixo ter tamén unha mostra de agradecemento para a integrante do Grupo de Modelado e Simulación do Centro de Investigación e Experimentación Marítima da OTAN, Pilar Caamaño Sobrino, ao profesor e investigador da IT University de Copenhague, Andrés Faíña Medín, e ao profesor e investigador do Tecnolóxico de Costa Rica, Juan Luis Crespo Mariño, quen nalgún momento da súa traxectoria investigadora estiveron vinculados coa Universidade da Coruña. Por último, o Grupo Integrado de Enxeñaría recoñeceu e gabou o traballo realizado ao longo de toda a súa carreira universitaria a catro dos seus investigadores sénior, José Daniel Pena Agras, Alejandro García del Valle, Fernando Junco Ocampo e Fernando López Peña.

Un equipo multidisplinar e multidepartamental integrado por 55 investigadores e investigadoras

O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña está conformado por un equipo multidisciplinar e multidepartamental de 55 persoas investigadoras vinculadas a distintas áreas de coñecemento tales como a enxeñaría naval e industrial, a computación ou a organización da produción. Unha parte dese persoal investigador está adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), situado no Campus da Coruña, e a outra ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), emprazado no Campus de Ferrol.

Desde a súa creación, en 1999, o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña ten traballado no eidos da enxeñaría naval, a enxeñaría de fluídos, a organización industrial e da produción, a robótica ou a Intelixencia Artificial. Con todo, o seu obxectivo primordial é o de continuar coa investigación interdisciplinar avanzada na fronteira entre diversas áreas cunha marcada vocación de contribuír á mellora tecnolóxica da industria na súa contorna máis próxima e á formación de doutores e doutoras de nivel internacional.

Ao longo dos últimos anos, o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña ten formalizado máis de 150 contratos para a realización de proxectos en colaboración coa industria e, ao mesmo tempo, ten recibido financiación pública para a posta en marcha de máis de 100 proxectos de investigación en colaboración con máis de 70 grupos nacionais e internacionais. A día de hoxe, o persoal investigador deste grupo está a traballar en oito proxectos europeos e internacionais, coordinando tres deles.

Como resultado do seu traballo, ao Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña fóronlle concedidas cinco patentes de ámbito internacional solicitadas en colaboración con distintas empresas galegas, 38 rexistros de software e liderou a creación de tres empresas spin-off. A isto, cómpre sumarlle o feito de que os seus integrantes teñen organizado ou coorganizado 16 congresos internacionais e participado nos comités científicos e técnicos de máis de 120. A maiores, algúns dos membros do grupo de investigación forman ou formaron parte no pasado dos comités reitores de asociacións e organismos internacionais tales como a International Maritime Organization (IMO) ou a International Neural Network Society (INNS).

o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña conmemorou este venres o seu 25 aniversario no Campus de Ferrol, un evento no que as empresas, as institucións así como as persoas que o integran tiveron un especial protagonismo e que culminou coa entrega de máis de 30 galardóns
o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña conmemorou este venres o seu 25 aniversario no Campus de Ferrol, un evento no que as empresas, as institucións así como as persoas que o integran tiveron un especial protagonismo e que culminou coa entrega de máis de 30 galardóns