Ferrol, 21 de setembro de 2023.- A directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau, presentan mañá, venres 22 de setembro, ás 12:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán, un informe preliminar no que se analizan as relacións existentes entre a Universidade da Coruña e o continente asiático poñendo especial énfase no caso concreto de China.
Neste informe, inclúese tamén a folla de ruta a seguir polo Campus Industrial da Universidade da Coruña para sistematizar as súas relacións con Asia, e máis concretamente con China, no marco da Axenda 2030, tendo en conta o contexto actual da sociedade internacional así como as tendencias de futuro no eido das relacións internacionais universitarias.
A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) asinaron en decembro de 2022 un Convenio de Colaboración que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh).
Desde este curso 2023/24, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) dispón dun espazo de seu no Edificio de Apoio ao Estudo. Deste xeito, a asociación de estudos internacionais pon ao dispor de todo o alumnado e profesorado do Campus Industrial de Ferrol e, en especial, do estudantado do grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, un amplo fondo bibliográfico de publicacións especializadas.