O IGADI impulsa a internacionalización do Campus Industrial de Ferrol a través dun convenio de colaboración asinado coa UDC

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) estará presente desde este mes de abril de 2023 no Campus Industrial de Ferrol para impulsar a súa internacionalización en liña co Plan estratéxico 2021-2026, achegando valor engadido á súa conexión con Asia (específicamente China e Taiwán) e para apoio tamén ao Grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, dende o presente curso 2022/2023.

Como obxectivo para este 2023 o IGADI reforzará o traballo de internacionalización do Campus Industrial de Ferrol en relación a Asia, principalmente, e organizará no mesmo unhas xornadas, durante o mes de outubro, arredor da presenza da China en Galicia. Estas xornadas desenvolveranse no marco do Grao en Relacións Internacionais pero estarán abertas a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral.

Esta colaboración é froito do Convenio entre a Universidade da Coruña e o IGADI, asinado o pasado 21 de decembro de 2022, que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades, enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh).

O OPCh é unha rede iberoamericana de estudos chineses impulsada por Xulio Ríos desde o IGADI co apoio de Casa Asia no ano 2004 e que actualmente dirixe a profesora da Universidade Benemérita de Puebla (México) Raquel Isamara León de la Rosa.

 

Imaxe:  Logo do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI)