Ferrol, 4 de xullo de 2023.- O Journal for General Philosophy of Science (JGPS), pertencente ao prestixioso grupo editorial Springer, vén de publicar no seu volume número 54 unha ampla reseña centrada no libro “New appproaches to Scientific Realism” (2020) do coordinador do Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía (CIFCYT) e catedrático da Facultade de Humanidades e Documentación, Wenceslao J. González. Esta publicación é unha das máis valoradas no eido da Filosofía da Ciencia e está indexada no Arts and Humanities Citation Index da Web of Science (WoS) coñecidas por seren as que maior impacto internacional teñen no eido internacional das Humanidades.
Tal e como salienta o profesor Wenceslao J. González “trátase dunha reseña realmente longa na que se recomenda expresamente un libro publicado por unha editorial da competencia como é De Gruyter”. Do mesmo xeito, destaca a colaboración de John Worrall, investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña no Campus Industrial de Ferrol en 2020, de Philip Kitcher, editor de Philosophy of Science – a revista oficial da Sociedade Americana de Filosofía da Ciencia – , de Ilkka Niiniluoto, exreitor da Universidade de Helsinki, ou Theo Kuipers quen foi vicepresidente da Sociedade Europea de Filosofía da Ciencia. Tamén cómpre sinalar a participación de Alexander Bird e de Donald Gillies, ambos profesores e expresidentes da Sociedade Británica de Filosofía da Ciencia, no libro reseñado.