O proxecto de creación de arrecifes artificiais dun grupo de investigación do Campus Industrial de Ferrol obtén a mención honorífica da Academia de Ciencias

A Coruña, 7 de febreiro de 2023.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de fallar os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022. Están destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais -todas elas integradas na RAGC-.

Nesta 32ª edición presentáronse un total de 66 propostas nas dúas categorías establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores e investigadoras sénior, dotado con 6.000 euros; e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos e mozas investigadoras menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Os premios entregaranse nun acto que se vai celebrar o vindeiro 1 de marzo no Pazo de San Roque, en Santiago.

A Academia concedeu unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación a un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. É un proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol  no Campus Industrial da Universidade da Coruña.

“A recuperación dos ecosistemas mariños das rías mediante o emprego de arrecifes artificiais representa unha oportunidade prometedora para un dos principais piares socioeconómicos de Galicia. Por outro lado, a nosa comunidade ten unha importante produción de moluscos bivalvos, cuxo proceso de depuración xera residuos previos debido á mortalidade de individuos durante o transporte e almacenamento, así como nas fases propias de eliminación e separación de contaminantes” -explica Carral-. Así, propoñen a conversión destes residuos (cunchas, principalmente de ostras, polo seu elevado contido en calcita) en materias primas para a produción de arrecifes artificiais. Estes arrecifes verdes terán como obxectivo mitigar a degradación dos ecosistemas costeiros, co fin de incrementar a súa produción de xeito sustentable, adaptándose ademais o seu deseño á realidade e ás características particulares de cada ría.

“Para nós este recoñecemento é moi importante. Queremos transmitir á sociedade o que facemos porque é de interese común. En Galicia moita xente vive das rías e este proxecto vai axudar ao seu mantemento” -declara o investigador-.

O proxecto premiado na modalidade de investigadores sénior foi para o equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, xunto a investigadores de IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg (Alemaña). Lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade.

O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos foi para un traballo destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago.

A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo sobre o rexeitamento da poboación ao uso da auga reciclada. Os autores, coordinados por Sergio Vila, desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.

De esquerda a dereita: José Luis Mier Buenhombre, Salvador Naya, Luis Carral, M. Isabel Lamas Galdo, Juan José Cartelle Barros e Javier Tarrío-Saavedra.
De esquerda a dereita: José Luis Mier Buenhombre, Salvador Naya, Luis Carral, M. Isabel Lamas Galdo, Juan José Cartelle Barros e Javier Tarrío-Saavedra.