O proxecto europeo “STEM is inspiring future careers” achega ata o Campus Industrial de Ferrol a profesorado de secundaria de Turquía e de Chipre

Ferrol, 22 de novembro de 2022.- A profesora e investigadora do Campus Industrial de Ferrol, Laura Castro Santos, lidera o proxecto europeo STEM is inspiring future careers que esta semana achega ata a Universidade da Coruña a persoal dos centros Antalya Il Milli Egitim Mudurlugu e Europe Route Education Youth Sports and Culture Association de Turquía, do G.G. Eurosuccess Consulting Limited de Chipre e do Instituto Secular “Hijas de la Natividad de María” e do CPR Nuestra Señora del Carme La Grande Obra de Atocha de Betanzos (A Coruña).

O obxectivo deste proxecto é o de aumentar a calidade da educación escolar convidando ao profesorado de secundaria que imparte materias STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) a utilizar un enfoque multidisciplinar o que permitirá que o seu  alumnado adquira as habilidades necesarias para desenvolverse na sociedade do futuro. Tal e como explica a profesora e investigadora Laura Castro Santos, esta iniciativa “fortalecerá as capacidades dos centros participantes para desenvolver habilidades en materias como as ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas a través de métodos e enfoques pedagóxicos innovadores e interactivos que permitan resolver cuestións da vida real.”

Ao longo desta semana, o profesorado de secundaria de Turquía, Chipre e de España, está a participar en numerosas conferencias e obradoiros impartidas por persoal docente e investigador da Universidade da Coruña. Ao mesmo tempo, o programa formativo inclúe cadansúa visita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), ao Centro de Innovación en Tecnoloxía en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), este último, situado no Campus Industrial de Ferrol. Como peche, a proposta formativa inclúe unha xincana que terá lugar, o venres 25 de novembro, na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na que o profesorado visitante terá que resolver un problema de enxeñaría do xeito máis efectivo e rápido posible.

A construción naval, a ciencia dos materiais, a química, a enxeñaría eléctrica, as máquinas e motores térmicos así como a economía financeira e a contabilidade centran, en boa medida, o programa da Semana Formativa STEM is inspiring future careers promovida por Laura Castro Santos en colaboración cos profesores da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Almudena Filgueira Vizoso, Ana Isabel García Díez, Manuel Ángel Graña López, María Isabel Lamas Galdo e Luis Carral Couce. Un proxecto ao que se sumaron tamén os profesores da Facultade de Economía e Empresa do Campus de Elviña (A Coruña), Félix Puime Guillén, Lucía Boedo Vilabella, Joaquín Enríquez Díaz, Begoña Álvarez García e María Dolores Lagoa Varela.

O proxecto STEM is inspiring future careers está financiado pola Unión Europea a través do Programa Erasmus+ e conta un orzamento total de 152.395 euros. A Universidade da Coruña dispón de 19.820 euros para formar ao profesorado nas metodoloxías STEM e elaborar unha guía de traballo dirixida ao alumnado de secundaria dos centros colaboradores.

Este luns, 21 de novembro, o profesorado de Turquía e Chipre visitou as instalacións do Instituto Secular “Hijas de la Natividad de María” e do CPR Nuestra Señora del Carme La Grande Obra de Atocha de Betanzos (A Coruña) xunto coa coordinadora do proxecto “STEM is inspiring future careers”, a profesora e investigadora do Campus Industrial de Ferrol, Laura Castro Santos.
Este luns, 21 de novembro, o profesorado de Turquía e Chipre visitou as instalacións do Instituto Secular “Hijas de la Natividad de María” e do CPR Nuestra Señora del Carme La Grande Obra de Atocha de Betanzos (A Coruña) xunto coa coordinadora do proxecto “STEM is inspiring future careers”, a profesora e investigadora do Campus Industrial de Ferrol, Laura Castro Santos.