O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, abre para o Campus Industrial de Ferrol o remodelado Edificio de Batallóns, cedido polo Ministerio de Defensa

Ferrol, 29 de xuño de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, inaugurou hoxe o Edificio Batallóns, Servizos Universitarios, no Campus Industrial de Ferrol, nun acto ao que asistiu o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol, vicealmirante Ignacio Frutos Ruiz; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, entre outras autoridades.

O reitor agradeceu a implicación de todas as entidades, Ministerio de Defensa, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Ferrol en todas as apostas da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol, como queda patente coa apertura deste novo edificio para a comunidade universitaria. Así mesmo, tivo palabras de recoñecemento para o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado do campus, as vicerreitorías de Ferrol e de Infraestruturas e Sustentabilidade e para o estudio de arquitectura que rehabilitou o edificio “entendendo o que quería a UDC, manter a esencia do mesmo, adaptándoo ás novas necesidades”. Abalde explicou que o edificio conserva o nome, Batallóns, “por un compromiso co mantemento do patrimonio da cidade, como o é tamén a Casa do Patín, sede da Biblioteca universitaria”. O reitor explicou tamén que Batallóns será sede do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI), centro froito da colaboración de oito anos de traballo con Navantia.

“Hai sete anos e medio dixen aquí que quería que Ferrol fose coñecido ademais de como cidade departamental, como cidade universitaria”, rememorou o reitor, engadindo que este obxectivo estaba cumprido, non só pola evolución do campus, con máis titulacións e alumnado, senón co grao de vinculación co sector naval e industrial da comarca.

O Almirante fixo tamén un exercicio de lembranza ao recordar o pasado do edificio como residencia de oficiais, a preferida pola xuventude militar, dixo, pese a haber máis residencias na cidade e valorou como un acerto a cesión no seu día do edificio á Universidade, así como que acolla o CEMI UDC-Navantia, ao que apuntou que “espero que pronto poña tamén UDC-Navantia-Armada”.

O secretario Xeral de Universidades definiu o campus de Ferrol como un campus “moderno e pioneiro”. “Punta de lanza da reactivación da cidade que marcará as liñas xerais dos próximos anos de Ferrol”, continuou. Díez de Castro afirmou que “este campus traballou moi ben e moi rápido e agora se recollen os froitos”. O secretario Xeral amosouse convencido de que o Campus de Ferrol será un referente a nivel estatal.

Para o presidente da Deputación, hoxe “é un día de celebración, de exemplo de colaboración institucional que redunda en beneficio da sociedade” e comprometeu o apoio da entidade provincial en toda a aposta polo talento que faga a UDC.

O alcalde manifestou a vinculación “especial” que Ferrol ten coa Universidade da Coruña, que “xa se converteu nunha das entidades máis importantes da cidade”, e que “sempre atopará apoio do Concello para que poida seguir medrando”.

A Universidade da Coruña recupera este edificio para dar resposta ás necesidades académicas que poidan xurdir no Campus de Ferrol. No andar baixo instalarase o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI). Nos dous andares superiores habilitáronse 48 postos de traballo para despachos de profesorado da Escola Politécnica de Enxeña, ademais de haber varias salas de usos múltiples. A rehabilitación conserva a fachada do edificio e a escaleira interior como elemento singular. A recuperación deseñouse baixo criterios de edificio pasivo para limitar ao máximo o consumo enerxético.

O Edificio Batallóns, situado na rúa Carlos III de Ferrol, antiga Residencia de Oficiais, foi cedido polo Ministerio de Defensa á Universidade da Coruña. Construído en 1930 foi actualmente remodelado para acoller as novas instalacións universitarias. As obras de acondicionamento, presupostadas en 850.000 euros, foron financiadas pola Xunta de Galicia, co aporte de 550.000 euros, e a Deputación da Coruña, con 300.000 euros.

 

Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia

O Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) aglutina o traballo de diferentes grupos de investigación arredor do Estaleiro do futuro ou Estaleiro 5.0. Este centro dá soporte a Navantia coa dixitalización da nova fábrica de bloques e a nova xeración de fragatas F110. Tratan tres grandes liñas de investigación, o Xemelgo Dixital de produto, Xemelgo Dixital de planta e proceso, e Novos Procesos. A colaboración entre UDC e Navantia iniciouse en 2015 e desde entón máis de cen persoas traballan de forma colaborativa entre a academia e o estaleiro.

 

Residencia de Oficiais

O Edificio Batallóns, antiga Residencia de Oficiais, está situado no barrio de Esteiro de Ferrol, na rúa Carlos III. Formaba parte dun conxunto de edificacións destinadas a cubrir as necesidades de aloxamento de Oficiais (Casa do Coronel do Tercio Norte e Pavillóns de Oficiais). A Residencia, xunto ao resto de edificios, estaba protexida en todo o seu perímetro por un muro rematado en celosía cunha altura aproximada de tres metros. Non existía ningún tipo de división física entre a Residencia e o resto de edificacións, polo que foi das primeiras obras que houbo que acometer coa cesión á UDC.

O edificio, construído en 1930, consta de semisoto, planta baixa e dous andares, cunha superficie construída por planta de 261 metros cadrados. A planta baixa destinábase a dependencias xerais de uso da residencia, cociña, comedor e sala de ocio, e as plantas primeira e segunda dispoñían de habitacións individuais con baño, destinadas a residencia. Ten un pequeno semisoto, no que había dependencias de mantemento, lavandería, vestiario do persoal e cuarto de instalacións.

 

 O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, inaugurou este xoves o remodelado Edificio de Batallóns, cedido polo Ministerio de Defensa. No andar baixo instalarase o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) e nos dous superiores habilitáronse 48 postos de traballo para os despachos do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, inaugurou este xoves o remodelado Edificio de Batallóns, cedido polo Ministerio de Defensa. No andar baixo instalarase o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) e nos dous superiores habilitáronse 48 postos de traballo para os despachos do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.