O Salón de Plenos do Concello das Somozas acolle mañá a segunda das conferencias do Curso de Verán organizado polo Campus Industrial de Ferrol

Cartel do I Curso de Verán “Enerxías Renovables” que promove o Campus Industrial de Ferrol entre o 3 de xuño e o 14 de xullo. Persoal docente e investigador da Universidade da Coruña impartirá seis conferencias vinculadas con esta temática en distintos concellos da comarca de Ferrolterra.

Ferrol, 15 de xuño de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o alcalde do Concello das Somozas, Juan Alonso Tembrás, e a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, presentan mañá, xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da casa consistorial, a segunda das conferencias do Curso de Verán dedicado ás enerxías renovables. Ao longo da súa intervención, o profesor e investigador Antonio Enrique Masdías Bonome achegará ao público asistente á enerxía solar e á eficiencia enerxética.

Sobre a enerxía maremotriz e undimotriz falarán o CEO de Puerta de Asia, Santiago Gil Casares, e o profesor Raúl Villa Caro, o xoves 23 de xuño, na Casa da Cultura de Valdoviño. Unha semana despois, o xoves 30 de xuño, o profesor e investigador Fernando de Llano Paz reflexionará sobre a transición enerxética na Casa da Cultura de San Sadurniño.

Xa no mes de xullo, a adxunta a Transferencia da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia, Sonia Zaragoza Fernández, falará sobre hidróxeno verde na Casa Dopeso das Pontes e o profesor e investigador Luis Montenegro Pérez sobre a situación actual e as perspectivas de futuro das enerxías renovables no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón.