O X Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia reúne mañá a máis de 140 participantes no Campus Industrial de Ferrol

De esquerda a dereita, Antía Buján Dobarro e Itziar Azanza Astarriaga, dúas das alumnas do 4º curso do grao en Podoloxía que participan na organización do X Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia que terá lugar os días 10 de 11 de febreiro no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

Ferrol, 9 de febreiro de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o primeiro tenente de alcalde do Concello de Ferrol e delegado da Área de Universidade, Antonio Golpe, a decana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Emma Rodríguez Maseda, o presidente do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, Juan Dios Tomé, e a presidenta do Comité Organizador do X Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia e alumna do 4º curso do grao en Podoloxía, Itziar Azanza, inauguran mañá, xoves 10 de febreiro, ás 09:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, un congreso no que participan máis de 140 estudantes e expertos nesta disciplina.

Ao longo de dous días, o alumnado inscrito no congreso poderá participar en diversas conferencias relacionadas coa súa área académica así como en varios obradoiros especializados nos que se afondará, entre outros, nun sistema de corrección de uñas sen dor, na exploración diabética, na de biomecánica avanzada ou naquela que se realiza botando man da intelixencia virtual. Entre o amplo abano de expertos convidados figuran os podólogos Bernardino Basas, Victoria Candelario, Eugeni Llorca ou Aberto Real.