Ferrol, 15 de setembro de 2022.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación acolle mañá, venres 16 de setembro, ás 10:00 horas, a conferencia “O Sistema Multilateral de Comercio: Desafíos e Perspectivas de Futuro” impartida polo xefe de formación da Organización Mundial do Comercio (OCM), Jorge Castro Bernieri, quen afondará na organización interna, na estrutura institucional, na adopción de decisións e nos principais acordos que regulan este organismo internacional. Ademais disto, analizará os principios básicos do sistema, incluíndo os compromisos de acceso aos mercados, o tratamento das decisións comerciais e as prohibicións á discriminación.
A directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, e o coordinador do grao en Relacións Internacionais, Jorge Quindimil, presentan mañá a primeira dunha serie de conferencias vinculadas a esta nova titulación universitaria que se organizarán de xeito periódico ao longo dos próximos meses.
Está previsto que o alumnado que estuda o grao en Relacións Internacionais en Ferrol siga a conferencia de xeito presencial desde o Salón de Grao da Facultade de Humanidades e Documentación mentres que o estudantado matriculado no Campus de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (UVigo), o fará a través dunha videoconferencia. A asistencia está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral ata completar o aforo.