Os 39 mozos e mozas que participan no programa de emprendemento universitario Explorer visitan mañá o CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol

Ferrol, 22 de marzo de 2022.- A directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (Gain), María José Mariño, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, recibirán mañá, mércores 23 de marzo, ás 13:00 horas, no CIS Tecnoloxía e Deseño, aos 39 mozos e mozas que participan na XIII edición do programa de emprendemento universitario Explorer ‘Jóvenes con Soluciones’ que promove o Banco Santander, a través de Santander Universidades, e que dirixe o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE).

Está previsto que, ao longo da xornada, os participantes no Programa Explorer visiten a Aula de Formación, un espazo multifuncional onde se levan a cabo actividades orientadas a fomentar a innovación, a creatividade e o traballo en equipo, e os showrooms de realidade virtual e aumentada. Do mesmo xeito, recibirán información relativa ás axudas ao emprendemento e aos programas de aceleración que promove a Axencia Galega de Innovación (Gain).

Nesta edición, son 39 mozos e mozas, maioritariamente alumnos e exalumnos da Universidade da Coruña, que están a recibir a correspondente formación presencial e en liña no UDC Explorer Space do Campus da Coruña e, por segunda vez, no de Ferrol. Os seus proxectos son mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e máis por varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Seniors Españois para a Cooperación Técnica (SECOT). Os integrantes dos dous proxectos mellor valorados, un por cada UDC Space Explorer, viaxarán ata Oporto onde continuarán formándose nun HUB de innovación europeo a partires de xullo de 2022.

Participantes Proxectos
UDC Explorer Space Coruña 14 11
UDC Explorer Space Ferrol 25 10
Total 39 21

O programa Explorer ‘Jóvenes con Soluciones’ está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación presencial e en liña, traballan nun proxecto da súa elección para atopar unha solución sólida, viable e sostible enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030 fixados polas Nacións Unidas tales como a fin da pobreza, unha educación de calidade, a igualdade de xénero, unha enerxía alcanzable e non contaminante, un traballo digno, a redución de desigualdades, a promoción de cidades e comunidades sostibles, a produción e o consumo responsable, accións polo clima e a creación de alianzas para acadar obxectivos comúns.

Baixo un enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, os explorers están a conectar, ao longo da súa formación, cunha ampla comunidade de emprendedores de España, Arxentina, Brasil, Chile, México e Portugal. Ademais de afondar en conceptos como a validación de modelos de negocio, as proxeccións financeiras, a creación de landing pages ou de pitch comerciais, os mozos e mozas participantes falan sobre emprendemento e amosan as súas ideas ante fundadores de startups e expertos internacionais como Steve Blank, pai do emprendemento moderno. Do mesmo xeito, tamén están a ter sesións Q&A con expertos e alumni Explorer ao tempo que interactúan en diferentes plataformas sociais co obxectivo final de crear unha comunidade favorable ao networking.

 

Máis información: UDC A Coruña Space – Explorer “Jóvenes con Soluciones” (explorerbyx.org) / UDC Ferrol Space – Explorer “Jóvenes con Soluciones” (explorerbyx.org)

A comezos de marzo, os participantes do Programa Explorer nos UDC Space da Coruña e Ferrol visitaron o espazo coworking Pazo de Arenaza situado no Concello de Oleiros convidados pola Deputación Provincial da Coruña.