O luns da semana pasada, 13 de marzo, tivo lugar a primeira reunión do consorcio do proxecto europeo Creative Engineering, CEDE, en Nitra (Eslovaquia), cidade da institución coordinadora. A directora, docente e investigadora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, coordinadora do proxecto na Universidade da Coruña, e a profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial, Cristina Prado, participaron na reunión xunto cos demais integrantes do consorcio, de Turquía, Italia e Grecia.
O obxectivo principal deste proxecto é contribuír ao desenvolvemento das habilidades creativas do estudantado das enxeñarías, xunto con outras destrezas chave como a resolución de problemas ou o pensamento crítico. Así, ao desenvolver módulos creativos de enxeñaría nunha plataforma e-learning, preténdese mellorar os perfís profesionais dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras.
Os resultados esperados ao final do proxecto inclúen un informe comparativo no que se examine o tratamento da creatividade nas facultades de enxeñería de distintas universidades, un plan de estudos destinado a desenvolver a creatividade e unha plataforma de aprendizaxe electrónica para uso do estudantado para a mellora destas capacidades.
O proxecto está financiado pola Unión Europea a través do Programa Erasmus+ cun orzamento total de 250.000 euros, dos que a Universidade da Coruña dispón de 48.544 euros. No proxecto participan ademais outros 10 docentes da Escola Universitaria de Deseño Industrial e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Foto: Integrantes do consorcio a semana pasada en Nitra (Eslovaquia)