Persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol deseñará accións de formación en enerxías renovables mariñas dentro do proxecto europeo FLORES

Ferrol, 22 de febreiro de 2022.- Impulsar a capacitación no sector das enerxías renovables offshore promovendo formacións específicas, contribuíndo ao desenvolvemento de carreiras neste ámbito profesional e facilitando a creación dun observatorio de oferta e demanda de capacidades. Este é o principal obxectivo do proxecto europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES) que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, dependente da Consellaría do Mar, e no que colaboran a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME) e un total de 12 investigadores e investigadoras do Campus Industrial de Ferrol pertencente á Universidade da Coruña.

O sector das enerxías renovables mariñas xera na actualidade arredor de 80.000 postos de traballo en toda Europa e prevese que medre nos vindeiros anos. Tendo en conta este escenario, un dos grandes desafíos do proxecto FLORES é o de cubrir a demanda de profesionais cualificados coas capacidades da poboación. Para levar a cabo esta tarefa, uníronse un total de 15 organizacións de oito países de Europa. Ademais dos tres socios galegos – Consellaría do Mar, ASIME e Universidade da Coruña – integran o grupo de traballo o Centro de Investigación e Tecnoloxía Hellas (Certh) de Grecia, a asociación europea de enerxía eólica WindEurope, a Universidade de Gante, o Sindicato Europeo Industrial e a Xunta Mariña Europea de Bélxica. Tamén forman parte deste proxecto Erasmus+ o Consorcio Multimedia Aqualex de Irlanda, as empresas Deftiq e Bluespring, a Rede Submarina para o Crecemento Azul de Alemaña, o Lycée Fulgence Bienvenüe e a Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas de Francia e, por último, o Clúster de Tecnoloxía Marítima (mareFVG) de Italia.

O proxecto europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES) está financiado pola Unión Europea a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (Eacea) e conta cun orzamento de 700.000 euros. Pola súa banda, a Universidade da Coruña disporá de máis de 76.000 euros para mellorar ao oferta con accións de formación continua innovadoras tanto para profesionais das enerxías renovables mariñas como de calquera outro sector. Do mesmo xeito, no prazo de dous anos, liderará a promoción de carreiras neste ámbito e achegará á sociedade, especialmente ao alumnado dos colexios e institutos galegos, ás enerxías renovables mariñas cunha clara perspectiva de xénero.

Deste xeito, o proxecto FLORES desenvolverá accións piloto a nivel rexional para adaptar os materiais formativos á realidade das diferentes concas marítimas europeas no Atlántico, no Báltico e no Mediterráneo. Tamén está prevista unha análise estratéxica das capacidades, abarcando non só a situación actual deste ecosistema industrial senón tamén as perspectivas de futuro, especialmente en relación coas tecnoloxías emerxentes, ao tempo que se actualizarán os perfís ocupacionais da cadea de valor da enerxía renovable mariña contribuíndo á actualización permanente da base de datos de Habilidades, Competencias, Cualificacións e Ocupacións Europeas (ESCO).

Finalmente, o proxecto creará un portal europeo oreskills.eu para promocionar os seus materiais de formación o observatorio e centro de coñecementos das enerxías renovables mariñas no que poden participar todas as persoas interesadas.