Ferrol, 3 de outubro de 2023.- Palexco acolle desde mañá, mércores 4, ata o vindeiro venres, 6 de outubro, o 40 Seminario de Enxeñaría Hospitalaria que organiza a Asociación Española de Enxeñaría Hospitalaria en colaboración coa Comisión de Técnicos de Hospitais de Galicia (COTEHGA). Este encontro reunirá na cidade herculina a preto de 1.000 congresistas e a máis de 130 empresas patrocinadoras, que terán unha exposición comercial de 100 stands. O programa científico xirará arredor de 11 grandes mesas de debate, nas que participarán máis de 50 poñentes de recoñecido prestixio nacional e internacional.
O Campus Industrial da Universidade da Coruña contará coa súa propia representación, vinculada ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), nun evento de referencia no que se tratarán temas de rigorosa actualidade, como poden ser a economía azul, os servizos de enxeñaría e os sistemas de xestión, a enxeñaría biomédica, a intelixencia artificial, a arquitectura sanitaria, a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a calidade do aire e a seguridade ambiental, os gases medicinais ou a xestión dos recursos humanos no eido da enxeñaría.
O xoves 5 de outubro, na Sala María Pita, o investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), Florian Michaud, presentará a comunicación “Aplicacións do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica da UDC na prevención de lesións e na avaliación de patoloxías e tratamentos”, na que tamén figuran como autores Francisco Mouzo, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado. Ese mesmo día, e nese mesmo espazo, o investigador da Área de Podoloxía do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM), Manuel Romero Soto, presentará a comunicación “Caracterización mecánica de materiais de amortiguación empregados na elaboración de ortesis plantares tradicionais: propiedades mecánico-dinámicas” que tamén asinan Julia María Janeiro Arocas, Fátima Santalla Borreiros, Ana María Díaz Díaz e Jorge López Beceiro.
Ademais, a Sala Torre Hércules acollerá a intervención da directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, quen afondará na figura do Campus Industrial de Ferrol como campus especializado enfocado a achegar a investigación ás necesidades reais da sociedade. Unha presentación na que tamén colaborou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández.
Exposición de pósters
A terceira planta do Palexco acollerá unha zona de exposición de pósters. O investigador da Área de Podoloxía do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM), Manuel Romero Soto, será o encargado de explicar máis polo miúdo o póster “Caracterización mecánica de materiais de amortiguación empregados na elaboración de ortesis plantares tradicionais: fluencia e recuperación” no que tamén figuran como autores Julia María Janeiro Arocas, Fátima Santalla Borreiros, Pedro Gil Manso e Ana María Díaz Díaz.
A tamén investigadora da Área de Podoloxía do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM), María Isabel Rial Hermida, presentará o póster “Desenvolvemento bioinspirado de aeroxeles de alginato para o tratamento de feridas aplicando tecnoloxía de impresión por gota e superficies superhidrofóbicas” realizado xunto cos investigadores P. Remuiñán-Pose, C. López-Iglesias, J.F. Mano e C.A. García-González.
A última das contribucións do Campus Industrial da Universidade da Coruña ao 40 Seminario de Enxeñaría Hospitalaria vén da man da investigadora do Grupo de Polímeros, Rebeca Bouza Padín, quen presentará o póster “Síntese de hidroxeles fisicamente reticulados baseados en carragenina e grafeno para a reparación de tecidos” no que tamén figuran como autores Danny Mocada, Maite Rico, Natalia Pettinelli e Yousof Farrag.