Ferrol, 22 de xuño de 2023.- Preto de 50 estudantes de bacharelato de distintos puntos de Galicia participan mañá, venres 23 de xuño, na II Xornada de Portas Abertas que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol en colaboración co Servizo de Estudantes e o Campus Industrial da Universidade da Coruña.
A subdirectora de Estudantado e Difusión, Carolina Camba, e a subdirectora de Calidade, Sonia Bouza, recibirán, na Aula 3 da escola, aos participantes da quenda de mañá e da de tarde ás 10:00 e ás 16:00 horas, respectivamente. Acto seguido, os estudantes, divididos en pequenos grupos, visitarán o Laboratorio de Optimización e Control e o de Circuítos Eléctricos situados na propia Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Logo disto, trasladaranse ata o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) onde coñecerán de primeira man a Canle de Ensaios Hidrodinámicos e o Laboratorio de Mecánica de Fluídos. Xa no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol achegaranse ata o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e o da Construción.
Titulacións únicas en Galicia
- Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais
- Grao en Enxeñaría Mecánica
- Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica
- Programa de Simultaneidade Grao en Enxeñaría Mecánica + Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica
- Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual de Galicia, coa opción para o alumnado de realizar 60 créditos (ECTS) correspondentes ao cuarto curso integramente nunha empresa.
- Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática
- Grao Aberto en Enxeñaría Industrial no que o alumnado estudará no primeiro curso materias comúns aos graos en Enxeñaría Eléctrica (DUAL), Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica antes de decidir o grao que quere completar.
- Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos
- Máster Universitario en Enxeñaría Industrial
- Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica
- Máster Universitario Internacional en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía, impartido conxuntamente coa Université Paris Diderot (polo que o alumnado obtén un título de máster por cada país)
- Máster Universitario Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo
- Máster Universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade
- Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica