Preto de 70 estudantes de bacharelato participan mañá na xornada de portas abertas que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

Máis de 170 estudantes de Bacharelato e de FP de distintos puntos de Galicia participaron na III Xornada de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” que organizaron a Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica, actualmente Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, en colaboración co Campus Industrial e o SAPE o 17 de xaneiro de 2020

Ferrol, 19 de xaneiro de 2022.- Preto de 70 estudantes de bacharelato da rama tecnolóxica do IES Sofía Casanova de Ferrol, do Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela e do IES Félix Muriel de Rianxo participan mañá, xoves 20 de xaneiro, na Xornada de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) en colaboración co Servizo de Estudantes e co Campus Industrial da Universidade da Coruña.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá, ás 10:00 horas, un pequeno acto de benvida ao que asistirán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, e o  director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón.

Acto seguido, os estudantes, divididos en pequenos grupos burbulla, achegaranse ata o Centro de Investigacións Tecnolóxicas onde visitarán o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e o de Fluídos así como a Canle de Ensaios Hidrodinámicos. Pola súa banda, no Edificio de Talleres, visitarán o Laboratorio de Robótica e nas instalacións da antiga Escola Universitaria Politécnica, en Serantes, coñecerán de primeira man o Laboratorio de Automatización, o de Circuítos Eléctricos e o de Optimización e Control.

Xa pola tarde, está previsto que os estudantes do IES Arcebispo Xelmírez II se acheguen ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial e que os do IES Félix Muriel de Rianxo realicen unha visita guiada a Exponav.

Sempre que a situación sanitaria derivada da COVID-19 así o permita, a dirección da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol organizará nas próximas semanas unha nova edición da Xornada de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” na que participarán aqueles institutos que, por cuestións de aforo, quedaron na listaxe de agarda desta primeira convocatoria.

 

Titulacións únicas en Galicia

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol xorde da integración da Escola Politécnica Superior e da Escola Universitaria Politécnica. O novo centro acollerá os títulos que ata o de agora se imparten nas dúas escolas que integra.

  • Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais
  • Grao en Enxeñaría Mecánica
  • Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica
  • Programa de Simultaneidade Grao en Enxeñaría Mecánica + Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica
  • Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual de Galicia, coa opción para o alumnado de realizar 60 créditos (ECTS) correspondentes ao cuarto curso integramente nunha empresa.
  • Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática
  • Grao Aberto en Enxeñaría Industrial no que o alumnado estudará no primeiro curso materias comúns aos graos en Enxeñaría Eléctrica (Dual), Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica antes de decidir o grao que quere completar.
  • Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos
  • Máster Universitario en Enxeñaría Industrial
  • Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica
  • Máster Universitario Internacional en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía, impartido conxuntamente coa Université Paris Diderot (polo que o alumnado obtén un título de máster por cada país)
  • Máster Universitario Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo
  • Máster Universitario en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético
  • Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica