Profesorado da Universidade da Coruña traballa para incorporar enfoques interdisciplinares na educación secundaria europea a través dos videoxogos

Ferrol, 23 de abril de 2024. Mellorar os plans de estudo da educación secundaria en Europa e potenciar as capacidades do profesorado e máis do alumnado mediante a introdución de enfoques interdisciplinares a través dos videoxogos de conflito. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Incorporating Interdiscipinarity in Secondary School Education Using Conflict Video Games (InterGames) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e coordinadora do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro.

Neste proxecto de innovación docente que pretende incentivar o pensamento crítico, a resolución de problemas e intelixencia emocional entre o estudantado de secundaria de toda Europa colabora outra docente do Campus Industrial de Ferrol, a profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares, así como os profesores da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Elviña (A Coruña), María Bobadilla e Eduardo Barros.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Incorporating Interdiscipinarity in Secondary School Education Using Conflict Video Games (InterGames) está coordinado pola organización non gubernamental Südwind de Austria. Forman parte deste consorcio outras dúas ONGs, Citizens In Power de Chipre e Progettomondo de Italia, a empresa Helixconnect de Romanía, a Universidade da Coruña en España, e os centros de educación secundaria Björkhöjdskolan de Suecia e a Bundeshandelsakademie und Bundeshandelsschule Linz International Business School de Austria.

InterGames está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e conta cun orzamento de 400.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 63.450 euros para pór en marcha, antes de finais de 2025, un Laboratorio Virtual de Aprendizaxe para a formación do profesorado de secundaria, un informe científico que avalíe a eficacia da aprendizaxe interdisciplinar nesta etapa formativa así como a elaboración de material complementario para os centros de ensino.

De esquerda a dereita, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, María Bobadilla; a profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Luz Castro; a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, Tania Gómez; e a profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación, Iria Santos. As dúas últimas docentes están a colaborar activamente desde hai un par de meses no proxecto de innovación docente InterGames.