Profesorado do Campus Industrial de Ferrol participa nun proxecto europeo para producir materiais didácticos contra o cambio climático

Ferrol, 18 de maio de 2024.- Producir materiais e recursos educativos contra o cambio climático no marco do movemento Maker e en colaboración co profesorado de primaria e de secundaria que imparte as denominadas materias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas). Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Production of Prototypes with STEAM Content in Maker Workshops Against Climate Change (Eco-Maker) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Elena Arce Fariña.

O proxecto Eco-Maker pretende xerar un sistema educativo híbrido que combine o movemento maker, a formación en materias STEAM e a posta en marcha de plans de estudo e método educativos ecolóxicos. Desde xeito, o alumnado participante nesta iniciativa de innovación docente, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, producirá prototipos como turbinas eólicas ou pequenos paneis solares contra o cambio climático xunto co profesorado que imparte as materias de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas en talleres maker.

A Universidade da Coruña é a responsable da elaboración do currículo. Persoal docente vinculado á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e á Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) traballa xa no deseño dun documento no que se fomente a posta en funcionamento de estratexias nacionais STEAM, apoiando o desenvolvemento de competencias en materia de educación e formación relacionadas coa sustentabilidade ou no eido da capacitación no sector ecolóxico, entre outras.

O Agrupamento de Escolas de Mangualde de Portugal coordina un proxecto de innovación docente no que participa a Academia Internacional de Ciencia e Investigación de Reino Unido, o laboratorio FabLab Messina de Italia, o Centro de Formación Profesional BURSA/OSMANGAZI-Osmangazi, dependente do Ministerio de Educación Nacional de Turquía, a Universidade da Coruña de España, o centro educativo SP 50 Bialystok de Polonia, e o Centro de Formación EduForm de Portugal.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Production of Prototypes with STEAM Content in Maker Workshops Against Climate Change (Eco-Maker) está cofinanciado pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 39.500 euros para elaborar o currículo do curso, promovendo o interese e a excelencia nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas.

Elena Arce Fariña, a segunda pola esquerda, acompañada por algún dos docentes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) que participan no Proxecto Europeo Eramus+ Eco-Maker, en representación da Universidade da Coruña, diante do Edificio de Batallóns situado no Campus Industrial de Ferrol.
Elena Arce Fariña, a segunda pola esquerda, acompañada por algún dos docentes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) que participan no Proxecto Europeo Eramus+ Eco-Maker, en representación da Universidade da Coruña, diante do Edificio de Batallóns situado no Campus Industrial de Ferrol.