“Renegade Jammer”, videoxogo nado como Traballo Final de Máster no Campus Industrial de Ferrol, finalista nos II Premios Iris Games

Ferrol, 16 de xuño de 2026.- “Renegade Jammer”, un título nado como traballo final do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), vén de ser seleccionado como finalista, na categoría de “Mellor Videoxogo de Centros Formativos”, nos II Premios Iris Games que promove a Academia de Televisión y de las Ciencias y Artes del Audiovisual, o Polo Nacional de Contenidos Digitales de Málaga e a Agencia Digital de Andalucía.

Este xogo, deseñado polo estudo Team Kaulu, competirá con “El desgarro”, do centro Mercedarias Granada FP, con “Not My War” de 24-Pack Studios, desenvolvido na U-tad de Madrid, e con “Tiris”, de Cremaet Studios, da ESAT Valencia. O nome do título gañador coñecerase, o vindeiro 3 de xullo, durante a gala que terá lugar no Palacio de Ferias e Congresos de Mágala, no marco do Andalucía Play Fest.

Tal e como indican desde a organización, nesta segunda edición dos Premios Iris Games presentáronse un total de 288 candidaturas de 32 provincias españolas e de 16 países. Finalmente, foron 36 os xogos seleccionados como finalistas nas categorías “Mellor Videoxogo PC/Consola”, “Mellor Videoxogo Móbil”, “Mellor Videoxogo Narrativo”, “Mellor Videoxogo Accesible”, “Mellor Videoxogo Tech/XR”, “Mellor Videoxogo de Andalucía”, “Mellor Videoxogo Internaciona”, “Mellor Videoxogo Indie” e “Mellor Videoxogo de Centros Formativos”.

Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie no Lérez Up de Pontevedra e Premio ao Mellor Xogo Académico no BCN Game Fest

Detrás de “Renegade Jammer” están os antigos estudantes do Campus Industrial de Ferrol, Andrea Alonso, Álvaro Martos, David Muradás, Gael Alberto Quintela, Andrea Salgado e Manuel Sanjurjo. Xuntos conforman Team Kaulu, o estudo que desenvolveu este xogo de plataformas 3D no que a súa protagonista, Jammer, unha rebelde que lidera a loita contra a corporación intergaláctica ZenCore, terá que irromper nas instalacións que esta compañía, dedicada ao estudo das mutacións xenéticas con fins pouco éticos, ten en varias galaxias co obxectivo de boicotear os seus sistemas informáticos e deter a súa actividade.

Este título, nado como traballo final do Máster en Deseño e Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), conseguiu o Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie no Lérez Up de Pontevedra no ano 2024 e o Premio ao Mellor Xogo Académico no BCN Game Fest en 2025.

os antigos alumnos e alumnas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) que desenvolveron “Renegade Jammer”, xunto coa coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, no stand que a Universidade da Coruña (UDC) tivo, o pasado mes de outubro, no BCN Game Fest.
os antigos alumnos e alumnas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) que desenvolveron “Renegade Jammer”, xunto coa coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, no stand que a Universidade da Coruña (UDC) tivo, o pasado mes de outubro, no BCN Game Fest.