Talento investigador do CITENI participa nunha campaña experimental sobre física nuclear en Estados Unidos

A Coruña, 3 de novembro de 2023.- O investigador Ramón y Cajal Saúl Beceiro e a investigadora predoutoral Harriet Kumi, do Laboratorio de Física Nuclear e de Altas Enerxías (FINAE) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), participan nunha campaña experimental sobre física nuclear que realizan, conxuntamente, o Laboratorio de Feixes de Isótopos Raros ―en inglés, Facility for Rare Isotope Beams (FRIB)― da Universidade Estatal de Michigan (MSU) e o Laboratorio Nacional Argonne ―en inglés, Argonne National Lab (ANL)― de Chicago.

A novidade destes experimentos radica en que o FRIB dispón dun novo acelerador lineal de núcleos que permite xerar feixes de raios de alta enerxía, a partir de núcleos atómicos, desde hidróxeno ata uranio, que poden chegar a alcanzar velocidades de ata 150 000 km/s, a metade da velocidade da luz. En palabras do propio Saúl: “A gran vantaxe deste acelerador é que nos permite xerar feixes moi intensos que conteñan varios billóns de núcleos por segundo. Moitas das reaccións nucleares que queremos estudar ocorren con probabilidades moi baixas, ás veces menos de 1 entre 1 billón, por tanto, para poder velas, necesitamos feixes con moita intensidade”.

Grazas e este acelerador, os investigadores poden ver cando e como ocorren as reaccións nucleares que pretenden estudar. Para iso, Saúl Beceiro utiliza un sistema coñecido como “branco activo” (en inglés, Active-Target Time Projection Chamber ou AT-TPC) e explica o seu funcionamento: “O branco activo non é máis que un detector cilíndrico que se enche de gas e serve de detector. O gas seleccionado funciona como ‘diana’ cara á que apunta o feixe de núcleos e que, á vez, permite visualizar a reacción. Cando o feixe ‘fai diana’ comeza a perder enerxía (pola interacción co gas) e isto posibilita a obtención dunha imaxe 3D do fenómeno. Cando esta interacción é de tipo nuclear (a que precisamente queremos estudar), ademais de visualizala, podemos calcular os diferentes parámetros físicos que a caracterizan (momento, enerxía, ángulo etc.) e con esa información somos capaces de pescudar datos sobre a estrutura e outras características deses núcleos e saber como se comportan en determinadas situacións”.

Os investigadores do CITENI realizan estes experimentos en colaboración con persoal investigador da Universidade Estatal de Michigan (MSU). O seu obxectivo é a obtención de datos chave que poden axudar a entender mellor o comportamento dos núcleos atómicos (por exemplo, nestes momentos están traballado con xenon) e facilitar o desenvolvemento de avances tecnolóxicos no ámbito da enerxía nuclear ou a medicina.

Saúl Beceiro, investigador Ramón y Cajal na Universidade da Coruña, foi profesor na MSU 12 anos e segue traballando en estreita colaboración co grupo de brancos activos. Harriet Kumi uniuse ao Laboratorio de FINAE do CITENI en 2022, onde realiza actualmente a súa tese de doutoramento contratada polo Campus Industrial de Ferrol grazas ao convenio establecido entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África.

s investigadores Saúl Beceiro e Harriet Kumi nas instalacións do FRIB e do Argonne National Lab, onde realizan a campaña experimental xunto ao persoal investigador da MSU.
s investigadores Saúl Beceiro e Harriet Kumi nas instalacións do FRIB e do Argonne National Lab, onde realizan a campaña experimental xunto ao persoal investigador da MSU.