Tres alumnos do Campus Industrial de Ferrol achéganse ao mundo das aventuras gráficas e ao de Tintín grazas a unhas prácticas en Péndulo Studios

Ferrol, 28 de xuño de 2023.- Pedro Hernández Crespo, Boris Cisneros García e Daniel Cuerva Vidales, alumnos do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), están a realizar as súas prácticas en Péndulo Studios, unha empresa desenvolvedora de videoxogos con case 30 anos de experiencia e coas aventuras gráficas como selo de identidade.

De feito, foi este estudo madrileño quen creou en 1994 a primeira aventura gráfica made in Spain titulada Igor: Objetivo Uikokahonia. Logo virían outros xogos como Hollywood Monsters (1997), a saga Runaway (2001, 2006 e 2009), Yesterday (2016), BlackSad (2019) ou Alfred Hitchcock Vértigo (2021) o que os converte, a día de hoxe, no estudo activo máis lonxevo da industria en España.

Os tres estudantes do Campus Industrial de Ferrol involucráronse de cheo no último dos videoxogos que está a preparar o equipo de Péndulo Studios e que se titula Tintín. Los Cigarros del Faraón. De novo, unha aventura gráfica na que compartir con este recoñecido personaxe de cómic e máis co seu fiel compañeiro, o cadeliño Milú, unha viaxe desde Exipto ata Arabia pasando pola India.

Pedro Hernández Crespo, graduado en Enxeñaría Informática pola Universidade de Vigo (UVigo), sumouse ao Departamento Técnico achegándose ás funcións dun programador de gameplay. Boris Cisneros García, titulado en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña (UDC), integrouse no Departamento de Calidade onde testa todos os niveis e as mecánicas do xogo para atopar posibles erros. Por último, Daniel Cuevas Vidales, graduado tamén en Enxeñaría Informática pola Universidade de Vigo (UVigo), uniuse ao Departamento de Animación coñecendo de primeira man as funcións que realiza un animador 3D.

De esquerda a dereita, Pedro, Boris e Daniel, nas instalacións de Péndulo Studio en Madrid onde realizan as prácticas do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
De esquerda a dereita, Pedro, Boris e Daniel, nas instalacións de Péndulo Studio en Madrid onde realizan as prácticas do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).