Ferrol, 19 de outubro de 2026.- José Ángel Blanco Pazos, alumno do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial, titulación que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), foi o gañador do concurso de carteis da II Feira de Formación e Educación que promove, o mércores 18 de novembro, de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, no Auditorio Álvaro Lamas, o Concello de Ferrol en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), a través do Campus Industrial.
O pasado xoves 15 de outubro, o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, recibían, xunto coa concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso, a este alumno do Campus Industrial de Ferrol logo da presentación da feira e do cartel ante os medios de comunicación.
Nun acto informal, fixéronlle entrega dun cheque por valor de 250 euros e do correspondente diploma acreditativo. A súa proposta foi elixida entre un total de 25 deseños, todos eles elaborados por alumnado da Universidade da Coruña (UDC).
