Un equipo do CITENI do Campus Industrial desenvolve arrecifes artificiais sustentables

Un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS 14 da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable) busca protexer a vida submarina. A introdución de arrecifes artificiais en mares e océanos pretende preservar e incrementar os recursos pesqueiros litorais, pero para a súa creación precísase facer unha avaliación de impacto que asegure a súa viabilidade e sustentabilidade ambiental.

O equipo de investigación do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial da Universidade da Coruña liderado polo investigador Luís Carral, xunto co equipo de investigadores Carlos Álvarez Feal, Javier Tarrío, Juan José Cartelle e Carolina Camba, veñen de publicar un artigo na revista científica Heliyon, que plantexa unha solución baseada no deseño de arrecifes artificiais cunha vida funcional limitada.

Para conseguilo, actúase sobre o material de base, o formigón, limitando a súa duración a un período de 15 anos. Con esta actuación conséguese reducir o impacto ambiental a medio prazo e permitir así a reversabilidade do cambio introducido no ecosistema mariño. Coa publicación deste novo artigo, o grupo de investigación da un paso máis e aposta pola busca da sustentabilidade.

O grupo de investigación recibiu este ano por parte da Real Academia Galega de Ciencias unha mención honorífica por outro proxecto de economía circular, consistente na aplicación dos residuos procedentes da depuración dos bivalvos en Galicia para a creación de arrecifes artificiais verdes, destinados á recuperación dos ecosistemas das rías galegas.

Foto : Imaxe do prototipo de arrecife artificial desenvolvido no CITENI