Ferrol, 12 de maio de 2022.- Cunca, unha plataforma dixital para o comercio local con packaging sustentable, e Zorro Blanco, unha editorial enfocada á creación de libros animados con ilustracións e audiolibros, son os dous proxectos gañadores da XIII edición do programa de emprendemento universitario Explorer “Jóvenes con Soluciones” nos UDC Space de Ferrol e da Coruña, respectivamente.
Pablo Seoane, Sara Soldevilla, Carlos Rodríguez, Ana Montero e Alberto Caaveiro, estudantes do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto no Campus Industrial de Ferrol, son os creadores de Cunca, unha plataforma de comercio local que pretende deixar claro que “ser de barrio non é un problema, máis ben unha oportunidade”. Detrás da editorial Zorro Blanco está a antiga alumna da Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus da Coruña, Alba Álvarez, quen actualmente cursa un máster en Ilustración e Concert Art. Tanto os estudantes da Escola Universitaria de Deseño Industrial como a moza titulada en Comunicación Audiovisual galardoada viaxarán no mes de xullo ata Oporto para continuar formándose nun HUB de innovación europeo.
No que atinxe ao UDC Space de Ferrol, o segundo premio foi para o proxecto FastVisit, especializado na creación de tarxetas de visita virtuais para restaurantes ou hoteis. Detrás desta proposta están dous estudantes do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Sofía Yaringaño e Antonio Cruz. O terceiro premio foi para Eva Cayetana Somolinos, graduada polo Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño nas especialidades instrumentais de Viola e Piano, quen presentou AcercArte, un proxecto que une música e arte a través da sinestesia.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este martes 10 de maio a presentación dos 10 proxectos finalistas e o acto de entrega de premios que presidiu a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía, e ao que asistiu a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Mayte Deus. O tribunal estivo integrado polo xerente de Institucións Territoriais de Galicia do Banco Santander, Enrique Daniel Facal; a xerente do Clúster de Solucións Ambientais e Economía Circular de Galicia, Ana Botas; o secretario da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Pablo Rivera, e o coordinador do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo, Fernando Luis Agulló.
Pola súa banda, no UDC Space da Coruña, o segundo premio foi para o proxecto ASMIKASA, un marketplace dirixido aos peregrinos do Camiño de Santiago ideado polo alumno da Facultade de Economía e Empresa, Iago Parga. O terceiro premio foi para BODS, unha plataforma para solicitar bonos para eventos con contido vinculado aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Detrás desta proposta está o estudante da Facultade de Dereito, Alfonso Martínez.
A Sala de Prensa da Reitoría da Universidade da Coruña acolleu, o luns 9 de maio, a presentación dos oito proxectos finalistas e a entrega de premios que presidiu a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía, ao que asistiu o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industrial e Emprego, Jesús Celemín. O tribunal estivo integrado pola xerente de Institucións Territoriais de Galicia do Banco Santander, Eugenia Fandiño, a Fundadora de Equipos de Valor e experta en Metodoloxías Áxiles, Susana Montes, a presidenta de Asociacións de Empresas da Coruña, Ana Isabel Ulloa, e o profesor da Facultade de Economía e Empresa, Paulino Montes.
A maiores, tanto no UDC Space de Ferrol coma no de Coruña, os propios participantes do Programa Explorer by Santander X elixiron o mellor vídeo promocional. No Campus Industrial de Ferrol o premio foi para aplicación dixital para o comercio local Cunca e no da Coruña para a editorial Zorro Blanco.
Emprendemento universitario
O programa Explorer “Jóvenes con Soluciones” é unha iniciativa de emprendemento universitario que promove o Banco Santander e dirixe o Centro Internacional Santander Emprendemento. Está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación en liña, traballaron nun proxecto da súa elección para atopar unha solución sólida, viable e sustentable enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 fixados polas Nacións Unidas, tales como a fin da pobreza, unha educación de calidade, a igualdade de xénero, unha enerxía alcanzable e non contaminante, un traballo digno, a redución de desigualdades, a promoción de cidades e comunidades sustentables, a produción e consumo responsable, accións polo clima e a creación de alianzas para acadar obxectivos comúns.
Nesta XIII edición, foron un total de 39 mozos e mozas, maioritariamente alumnos e alumnas da Universidade da Coruña, quen recibiron a correspondente formación en liña no UDC Explorer Space do Campus de Coruña e, por segunda vez, no de Ferrol. Os seus proxectos foron mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e máis por varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Sénior Españois para a Cooperación Técnica.